Un pouco de historia

voda 2007Vindeiro 20 de xaneiro de 2008 dará comezo unha nova edición da Festa da Pita, que chega xa á súa 10ª edición, despois de ser recuperada polos veciños e veciñas d’As Eiroás (Ourense) no ano 1999 depois de cuase 30 anos sen se celebrar.

A ORIXE DA FESTA

A orixe desta festa remóntase á década dos ’50; e a razón que impulsou ao pobo a realizala foi a voda entre dous viúvos da zona (don Antonio Guimarey e dona Gumersinda de Benavides, por mal nome: A Pita). A vella tradición de “fazer cinzarrada” ao viúvo ou viúva que casaba, viuse aqui reforzada pola situación pouco habitual dos dous contraíntes atopárense nese estado. Xa que logo foilles reclamada unha cantidade económica para realizar unha festa “como mandaba a situación”. Ao se negaren os noivos a facelo, as xentes do lugar comezaron a lles tocar o corno e outros instrumentos improvisados facendo forte escándalo e enteirando a todas as xentes dos arredores. Se pagaron a festa ou non, non o temos craro (hai quen di que si), mais o asunto é que apartir de entón comezou a se celebrar por esa data n’As Eiroás a máis popular das celebracións pagás: o Entroido. A festa, na honra da noiva, coñeceuse algún tempo como Festa da Pita, pois era o alcume da protagonista, e celebrouse até comezos dos ’70, desaparecendo entón non sabemos ben porqué, até no ano 1999 fora recuperada polos/as veciños e veciñas do barrio, celebrándose desde aquela n’As Eiroás o ciclo tradicional do Entroido.

OS DÍAS

Este ciclo comeza o domingo de septuaséxima do calendário litúrxico (nesta edición, o 20 de xaneiro) coa celebración do Domingo Fareleiro (tambén coñecido como Borrallento), día no que o farelo e a fariña -ademáis doutros elementos como a borralla, a cinsa…- protagonizan a xornada nunha loita entre mozos e mozas, homes e mulleres, converténdose -xunto coa música- nos primeiros anuncios do Entroido. Nesta xornada tambén é colocado o Meco na praza, quen presidirá a nosa Festa até a súa fin no Martes do Entroido.

Prosegue a Festa da Pita o seguinte domingo -de sexuaxésima- (o 27 de xaneiro) coa celebración do Domingo Oleiro (nomeadamente coñecido como Corredoiro na Galiza). Neste día comézase “a correr” o Entroido. Tambén neste día sae por primeira vez a Pita (máscara do Entroido d’As Eiroás). Neste día ten lugar o Xogo das Olas, xogo que consiste nunha roda de homes e/ou mulleres que se van atirando unha ola dos uns para os outros cheia de água, plumas… Cando alguén non consegue apañala e deixa que escache no chan, perde e, ademáis de ficar todo mollado ou cuberto de plumas, ten de pasar pola taberna a pagar o viño para toda a roda. Conforme Taboada Chivite e outros etnógrafos, na cidade de Ourense este xogo praticábase no Domingo Corredoiro ou no Xoves de Comadres.

E a Festa remata o Martes do Entroido (neste ano o 5 de febreiro). A xornada comeza de mañá cun Folión que percorre o barrio anunciando con Pitas, gaiteiros, bombas e máscaras que chegou o día grande. Despois do xantar os veciños e as veciñas convértense en actores e actrizes improvisados/as da Voda da Pita (unha representación do que puido ser aquela voda que dera orixe á festa). Posteriormente, un Baile de máscaras, co seu concurso, lévanos até a noite, momento no que despedimos o Entroido coa Queima do Meco.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: