A Pita nos centros de ensino

Un ano máis as manualidades da Pita estiveron presentes en distintos centros escolares. Ímonos centrar no CEIP Calvo Sotelo, do Carballiño, onde traballaron o Entroido através das distintas máscaras da provincia. Entre as actividades que levaron a cabo, tamén houbo espazo para a nosa máscara. Amablemente nos fixeron chegar estas fotos do alumnado de 6º de E.P., onde se poden ver as cousas tan lindas que fixeron coas manualidades.

Grazas Mercedes, grazas mozas e mozos do CEIP Calvo Sotelo. Seguir lendo

Baile de máscaras – Martes de Entroido

A tarde do martes estivo marcada –un ano máis- polo baile de máscaras e as pasarelas de disfraces, que foron acompañando a xornada até a noitiña, momento no que o Meco baixou do alto do poste para ser paseado por todo o Campo da festa e despedido polas mozas do barrio. Voltaron a ocupar boa parte da praza numerosos disfraces de diferentes confeccións, realizados con ganas de festa e muita imaxinación.

De reseñar este ano foi o éxito acadado pola tenda de dona Gumersinda -parte importante para o finanzamento da festa-. Neste posto, ademáis de poder solicitar material informativo da festa, podíanse adquirir as tradicionais camisolas ou postais da festa, a Bica da Pita, e –como novidade este ano- uns broches de feltro da máscara ou unhas galletas realizadas en colaboración coa confitaría Milhojas. Seguir lendo

Voda da Pita 2012

Xa vai sendo hora de subir algunhas imaxes do día grande da Festa, que este ano estivo mui animado. Imos, nesta nova, a falar da xornada matutina, que comezaba a primeira hora coa montaxe de todas as estruturas precisas na praza para festexar o evento máis agardado do ano. Antes do mediodía tiña lugar o pasa-rúas por conta dun grupo de Pitas e da Charanga Chunda-Chunda.

Ás 13 h. tivo lugar –un ano máis- a Voda da Pita, lembrando con sorna mais con agarimo á circunstancia que aló pola década dos ’50 dera orixe á nosa festa. A voda, que comezou facendo alusións á posibilidade de ter que suspendela por causa dos excesivos recortes sufridos na actualidade en todos os sectores, contou coa presenza “inesperada” do presidente d. Mariano. E a propia voda e os actos da mañá tamén contaron coa presenza (esta vez de verdade) de Cristina García Rodero, a prestixiosa documentalista fotográfica da Axencia Magnun. Como non podía ser doutro xeito, á voda seguiulle un banquete “como Deus manda” (que diría o outro).

Seguir lendo

As Pitas no Entroido da cidade

As múltiples baixas deste ano (ben por maternidade ou por enfermidade) non provocaron que, por 11º ano consecutivo, as Pitas participaran no Desfile da cidade, pasado domingo 19. Cousa á parte foi a circunstancia que estivo a piques de provocar –por primeira vez na existencia da máscara- que non se realizara o percorrido urbán acompañando a todas as comparsas participantes. Tal circunstancia foi a colocación dun grupo de cabalos na dianteira do desfile, que encheron o firme de excrementos e mesmo provocaron algún momento difícil entre os participantes.

Xa van 10 anos desde que lle propuxeramos á organización (Concello de Ourense) que a nosa máscara participaría no desfile sempre que o fixera encabezando o mesmo e fóra de concurso. Queriamo,s deste xeito, promover a participación de máscaras e comparsas no desfile que non viviran a festa como unha competición ao tempo que nos facilitara o noso particular percorrido, con certas dificultades ao irmos correndo na maior parte do mesmo e con escasa visibilidade. Así foi durante todas as edicións… até este 2012, que non sabemos ben polo que, nos atopamos con unha comparsa na dianteira, que por enriba contaba con cabalos. Sen querer criticar a participación deste grupo, antes ben todo o contrario, faise difícil entender o criterio da organización á hora de mudar a orde acostumada sen siquer ternos en conta nin facernos coñecedores deste feito. Seguir lendo