Martes de Entroido

noivos-2013O día grande da Festa da Pita 2013 foi o pasado martes 12. A xornada comezaba con choiva, circunstancia que, unida ao feito de non ter aínda montada a carpa, facía presaxiar un día longo e con muitos imprevistos. Finalmente todo se foi compoñendo (menos o tempo) e fóronse desenvolvendo as actividades conforme o programa previsto.

Antes das 12 do mediodía, as Pitas e a Charanga Los Estupendos Burruños de la Morralla percorrían o barrio para anunciar a chegada do día grande. Remataba este pasa-rúas na praza d’As Eiroás por volta das 13 h. para asistir a unha nova edición da Voda da Pita, que recibiu a visita Real de d. Juan Carlos I, ademáis de contar con diversas intervencións telefónicas, entre elas do propio presidente da Deputación. A xa habitual representación popular que pretende render homenaxe -en ton sarcástico- aos viúvos que casaban na metade do século pasado e deran orixe den pretendelo ao Entroido d’As Eiroás tamén gardaba un lugar para a recente renuncia do Sumo Pontífice, querendo colocar no Vaticano ao crego que oficia a cerimonia no noso barrio. Seguir lendo

Desfile do Entroido

desfile2013-3

O Domingo 10 tiña lugar o Desfile de comparsas do Entroido da cidade de Ourense. Saía ás 18 h. do barrio das Lagoas, desafiando ás alertas de temporal para rematar na praza Maior por volta dunha hora e media máis tarde. Nos últimos anos o percorrido ten mudado en varias ocasións, aínda que -dun xeito ou doutro- sempre chegou á céntrica praza que acolle á casa do Concello. Neste 2013 o desfile estaba de celebración, pois celebraba o seu 25º aniversario. Case a metade destes 25 anos (12) foron as Pitas as encargadas de encabezar a comitiva que percorre as rúas ourensás, acordo de participación que se tomara no seu día coas premisas de encabezar o desfile e non participar no concurso. Un ano máis, e como non podía ser doutro xeito, alí estivo a máscara d’As Eiroás, aguantando a choiva e o frío xunto a todas as máscaras participantes, responsables da organización e espectadores.

Eis unhas poucas fotos da tarde: Seguir lendo

Entre lusco e fusco…

O sábado de Entroido (este ano, o 9 de febreiro) xa ten unha cita no barrio d’As Eiroás. Nos últimos anos vense repetindo a saída dun pequeno grupo de máscaras que percorren as casas dos veciños para lles anunciar a chegada dos días gordos. No presente ano, o Folión saíu un chisco tarde, mais completou o percorrido “como é mandado”. Eis algunhas fotos da noite:

// Seguir lendo

Domingo Oleiro 2013

Oleiro2013-03Pasado domingo 3 de febreiro, As Eiroás vivía o seu Domingo Oleiro, a única xornada soleada na festa deste ano. Coincidía a data coa festa das Candelas na veciña e querida parroquia de Cudeiro.

Un pouco despois das 5 da tarde, as Pitas acompañaban o carro das Olas até a praza, convertida un ano máis no escenario do xogo das Olas. Este xogo, parte do patrimonio lúdico galego, consiste nunha roda de persoas que se atiran unha ola de barro polo ar tentando evitar que non escache ao caír no chan.

Eis algumhas imaxes da xornada:

Seguir lendo

Oliñas veñen… (estas si son oliñas)

pintando_olas8Con ou sen ciloxénese, a Festa continúa, preparándose para vivir o Domingo Oleiro (Oleiro n’As Eiroás e en Seixalbo, noutro lugares máis coñecido como Corredoiro).

Como é costume, serán as primeiras Pitas do Entroido quen -despois das 17 h.- fagan a súa entrada co carro das olas na Praza d’As Eiroás, acompañadas da música da Charanga Os Chispas. Máis de medio cento de olas cocidas no Alto do Couso e preparadas para escachar nas mans de quen non acade apañalas no ar. As Pitas lucirán no seu ombreiro unha nova fita -a ROSA– que identifica ás máscaras que corran o presente ano; unha fita que, ademáis, levará as inicias “L“ e “V” correspondentes aos nacementos de Lara e Vera, respectivamente, a quen damos a benvida ao mundo e á súa festa. Aquí pódese facer un repaso das distintas fitas e do seu significado que representan aos 12 anos de antigüidade.

Na xornada de hoxe sábado, os cativos (e non tan cativos) do barrio e arredores poderán decoralas ao seu gosto, tamén como ven sendo costume. Isto acontecerá ao longo da tarde no Local Social d’As Eiroás

//