Nin a choiva nin as ordes ministeriais puideron coa festa. O Martes de Entroido poñía -un ano máis- punto e á parte á Festa da Pita. Un día que comezaba pola mañá cun percorrido de músicas e máscaras polo barrio anunciando a chegada do día grande e convocando á veciñanza na Praza das Eiroás onde, un pouco máis tarde do habitual, tiña lugar a Voda da Pita, cargada este ano de convidados especiais e mesmo dalgunha sorpresa. A Infanta Cristina ou o intérprete de lingua de signos nos funerais de Mandela facíanse sitio nunha representación que -despois de todo o falado nas última semanas sobre a Orde Ministerial que regulaba o uso do uniforme de garda-civil- contou con dous axentes a falta de un. Chegaba así até As Eiroás un axente da Benemérita para reclamar o cumprimento da nova Orde e multar á personaxe que tradicionalmente ten o seu papel na representación, requisándolle o traxe e provocando que seguira a obra en panos menores. Estade atentas/os, porque nas vindeiras semanas, subiremos a representación completa para quen non puido asistir ou lle colleu medo á auga.
Despois veu o xantar e, xa pola tarde, o baile de máscaras e concurso de disfraces, que se foi animando máis e máis conforme ía avanzando o día até rematar despedindo o Entroido do xeito que vimos facendo nas Eiroás desde hai 16 anos, é dicer, queimando o Meco (Meca, este ano). Eis as imaxes dalgúns momentos da xornada: Seguir lendo
Filed under: Uncategorized | Tagged: antroido,carnaval,eiroas,entroido,festa da pita,garda civil,martes de entroido,pitas,voda da pita | Leave a comment »