GRAZAS POR TODO
Pechamos unha nova edición da festa. Alá van 26 anos botando foguetes e tentando crear unha identidade cultural, festiva e lúdica para o barrio e o seu contorno. 26 anos que deron para moito, para momentos bos e para momentos aínda mellores, con algúns que outros atrancos aos que sempre se lles atopa solución.
Só queda agradecer a colaboración daquelas persoas e entidades que fixeron posíbel os distintos momentos da festa. Grazas ao Leandro Sánchez Bobillo, por lle poñer imaxe á 26ª edición da festa. Grazas ao Concello de Ourense, pola súa colaboración para levar adiante este entroido. Grazas tamén ao INORDE, que nos cedeu as vallas para tentar ordenar unha praza, que máis semella un parque temático de sinais de tráfico, especialmente transitada por vehículos de fóra do barrio. Grazas aos centros de ensino e a esas outras entidades que traballan tan ben o Entroido e a nosa festa no seu centro, especialmente á nosa escola amiga deste ano, o CEIP A Ponte. Grazas ao Centro Comercial Ponte Vella e a BeOne, que nestes tempos especialmente difíciles permitiron -un ano máis- que seguiramos abusando deles e facendo posíbel que o Entroido chegara ás Eiroás. E grazas, por enriba de todo, ás veciñas e aos veciños sen cuxa colaboración e participación non tería sentido que o Meco presidira a praza durante estes 16 días. Grazas, por último, a todas as persoas que vos achegastes até As Eiroás, agardando que gozarades da festa ou cando menos da nosa hospitalidade. Fixemos o que puidemos; e se nalgunha cousa faltamos, outro ano sobraremos. Pola nosa parte, voltaremos colgar o Meco (ou Meca) o 16 de febreiro de 2025 para celebrarmos unha nova edición da Festa da Pita. Vivide o Entroido, aló onde esteades!
Deixar un comentario