Martes de Entroido 2015

martes_entroido_2015Mantívose despexada toda a xornada do Martes de Entroido nas Eiroás. Despexada e cun certo airiño fresco que nos vai axudar a manter a pel tersa e suave como adoitamos por estes lares.

Un ano máis, comezaba o Martes xa de mañá cun percorrido de músicas e máscaras polo barrio anunciando a chegada do día grande e convocando á veciñanza na Praza das Eiroás onde, puntualmente á 1 da tarde, tiña lugar a Voda da Pita, que non quixeron perderse diversos convidados especiais, tais como Pablo Iglesias, o pequeno Nicolás ou o presidente da Asociación de Políticos Corruptos.

Despois veu o xantar popular, o Pita Chef (unha pequena mostra do que pode ser un concurso que se repita en posteriores edicións) e, xa pola tarde, o baile de máscaras e concurso de disfraces, que se foi animando máis e máis conforme ía avanzando o día até rematar despedindo o Entroido do xeito que vimos facendo nas Eiroás desde hai 17 anos, é dicer, queimando o Meco que, este ano contou co asesoramento de imaxe das familias Sánchez-Morenza e Portela-Álvarez. Eis unha extensa reportaxe gráfica da xornada:

Na xornada matutina, mentres se realizaban os preparativos para a Voda da Pita e o xantar popular, un grupo de máscaras e músicos percorría o barrio anunciando que daba comezo o día gordo. Neste pasa-rúas houbo tempo para achegárense até o C.D. Serviocio Ourense – As Eiroás, onde aínda se pode visitar (até o 28 de febreiro) a exposición “Unha ducia de Pitas

O reloxo marcaba a 1 da tarde cando daba comezo a Voda da Pita. O pequeno Nicolás tirando selfies con todos os protagonistas, o presidente da Asociación de Políticos Corruptos; Pablo Iglesias; o electricista Castiñeiras e as personaxes acostumadas: d. Antonio Guimarey, dª Gumersinda de Benavides, o crego, a monxa, a capadora (veciña regueifeira), o garda-civil, os músicos, o neno…

Despois tiña lugar o xantar popular, amenizado pola Charanga do 21, que xa levaba con nós desde as primeiras horas da xornada. Tamén tivo lugar a 1ª edición do Mercado de dona Gumersinda, que achegaba distintos produtos que complementaban a festa.

Quixemos introducir un elemento no xantar, que se nos foi un chisco de hora: o Pita Chef, por ver como funcionaría unha nova actividade para os máis pequenos que asistiran ao xantar. Sen máis pretensións que pasar un anaco de tempo divertido. A nosa sorpresa foi comprobar o ben que cociñaban os máis cativos -coa axuda dos mozos- e a seriedade que lle puxeron a este momento.

Despois chegou o Baile de disfraces, con pasarelas e concursos, que nos foi levando até a noite, observando como por momentos o ar frío ameazaba con deixarnos sen voz.

Xa de noite, chegou o momento de baixar o Meco, que presidía a praza desde o Domingo Fareleiro, e despedilo como se merece, con unha boa cacharela e con pirotecnia da man de Josman. Non sen antes escoitar en varias ocasións as felicitacións polos aniversarios de dúas veciñas e amigas da festa.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: