Martes de Entroido

martes2017_115Alá foi outra edición da festa. Xa son 19 anos botando foguetes e tentando crear/recuperar unha identidade cultural, festiva e lúdica para o noso barrio. Malia as condicións meteorolóxicas non axudaron nada, podemos facer unha valoración positiva sobre a participación no global da festa.
No que atinxe ao día grande, a choiva e o vento, presentes durante toda a mañá nas Eiroás, axudáronnos a decidir a mesma ubicación do ano anterior para a cerimonia do Martes. Desta non cumpriu verniz hidrófugo, malia unha das tres partes da nosa Trindade chegouse a sentir tocado polo tempo en varias ocasións.

Houbo que suspender a habitual ruada que máscaras e músicos fan polo barrio, saíndo por momentos ás carreiras polos arredores da carpa instalada na praza das Eiroás. Neste mesmo lugar foi onde á 1 da tarde daba comezo a Voda da Pita, que este ano contaba tamén con convidados especiais e con multiples guiños á actualidade local e estatal. A negativa do crego a oficiar a cerimonia por terse coñecido os noivos xa na intimidade, facía soar na praza a frase “No es no”, mentres se pedía a constitución dunha Xestora para negociar a situación. A aparición de Donald e Melania Trump, contándonos os novos plans para a xestión de fronteiras, emulándonos aos galegos, fíxonos coñecer de primeira man das súas intencións de poñer un marco na fronteira con México e golpear co sacho na cabeza a quen se atreva a movelo, ao tempo que construirá un muro con somieres oxidados na fronteira con Canadá para evitar que ninguén fuxa do seu governo. Con tan importante convidado, os noivos pediron a súa intercesión ante o crego para que oficiara a voda, cuestión que desatendeu este último manténdose na mesma posición que Pedro Sánchez. Trump ameazou con apretar o botón nuclear se o crego mantiña a súa postura, cousa que sucedeu, desencadeando un ataque de todas as cabezas nucleares cara As Eiroás. No último momento, e ao saber que haberá bica de millo e filloas no xantar da voda, o crego accede a casar aos noivos, pero Trump esqueceu o contrasinal para abortar o ataque. É entón cando Melania fala por primeira vez, dicindo que si lembra o código e facendo retractar -en parte- ao propio Trump do comportamento misóxino que tiña demostrado.
A cerimonia continuou, con mannequin challege incluído, cara o final da voda na que, ademáis do Antonio e da Gumersinda, casaban máis unha vez a monxa e o garda-civil, nesta ocasión con un número musical, como unha chiscadela a este xénero no ano que volta a trunfar nas salas de cinema. Despois tiña lugar o xantar popular, amenizado pola Charanga Santa Cecilia, que xa levaba con nós desde as primeiras horas da xornada.

Pola tarde, a Orquestra Fin de siglo poñía música ao Baile de máscaras e pasarelas de disfraces. Notamos menos afluencia de xente ca nos últimos anos, mais moi bon ánimo e unha porcentaxe moi alta disfrazada. Mesmo se achegaron até a festa algúns frades veciños da confraría do Frei Canedo, que o luns celebraban o seu día grande. Xa de noite, chegou o momento de baixar o Meco, que presidía a praza desde o Domingo Fareleiro e que contara neste ano co asesoramento de imaxe da familia Pérez-González. Foi despedido como se merece, con unha boa cacharela e con pirotecnia da man do Benito de Josman.