Martes de Entroido

Queriades auga? Pois velaí foi, para regar unha terra que xa nin lembra onde quedaron a metade dos nacentes das súas fontes. Disque “en martes e trece nin te cases nin te embarques“, pero nas Eiroás atrevímonos a casar e -a pouco máis- tivemos que embarcar coa cantidade inxente de auga que se acumulou na praza. Así a todo, alá vai unha nova edición da Voda e da festa. 20 anos botando foguetes que dan para moito, para bos momentos e para momentos aínda mellores.
Arrincaba a xornada sen poder facer o percorrido polo barrio, por causa da moita choiva que caía antes do mediodía. Soaban os teléfonos perguntando se ía haber Voda da Pita, e a resposta era sempre a mesma: “Nunca deixou de facerse”.

Ás 13 h. comezaba, pois, a cerimonia. Os noivos, o crego, a monxa, a veciña… e unha novidade desta edición: no canto dun garda-civil, tivemos unha parella, como diosmanda. As personaxes convidadas este ano foron o noso President Puigdemont, que se marcou unha particular coreografía co noso M. Rajoy e a voz ao vivo da María Piensos (quen xa nos agasallara coa imaxe da festa para este 2018). Os nosos alcalde e presidente da Deputación (este último xa “con experiencia” na voda da Pita), desputaron o selfie con cada personaxe que aparecía en escena, dando boa mostra do que se entende nas Administracións como promoción do Entroido. Todo adobiado con referencias aos chistes de Carrero Blanco, ao Twitter e aos recortes na liberdade de expresión; aos abanos vermellos de reivindicación feminina; á ridícula suba das pensións; á crecente desigualdade… até houbo espazo para os “méritos xenéticos” da funcionaria que pretende reinventar (léase “acabar de esnaquizar”) a relación do Concello de Ourense cos seus administrados.

Entre o elenco e as Pitas en escena, participaron nesta edición da Voda máis de 25 persoas, nunha faixa de idade que superaba os 75 anos de diferencia entre elas. Xa no xantar, o noso President entregou o disco de “A troba do bugallo” aos gañadores do #ConcursoVodaDaPita2018, @DaniCondeGZ e @o_martinho

 

Xa de tarde, os companheiros da Orquestra D’Momento axudáronnos a esquecer a choiva por momentos e acompañáronnos no Baile ao longo de toda a tarde, até que chegou o momento no que o Meco decidiu que xa era hora de baixar da farola e poñer fin ao noso particular entroido, coa axuda do Benito, de Pirotecnia Josman.

 

Grazas a todas e a todos polos ánimos. Grazas polo voso humor e a vosa imaxinación, que non se deixou vencer por unha día de sofá e manta, Grazas polas fotos que nos fixestes chegar. E grazas, especialmente, ás veciñas Pepita e Raquel, que nos seguiron agasallando coas súas orellas e rosquillas e a aquelas persoas que acudistes á nosa chamada de axuda para poder sacar adiante esta edición número 20 do Entroido das Eiroás.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

%d bloggers like this: