Martes de Entroido 2019

A choiva deu unha tregua na mañá do martes para podermos celebrar a 20ª edición da Voda da Pita no seu espazo natural, co pazo das Eiroás como fondo de escenario. A xornada comezaba coa ruada de Pitas e músicos polo barrio, anunciando a chegada do día grande. Á 1 en punto do mediodía daba comezo a representación teatral popular que, en ton satírico, rememora como foron as orixes da nosa festa, amais de lembrar, con moito agarimo e respecto ás 2 persoas que protagonizaran aquela cinzarrada na metade do século pasado. Desde que comezamos coa celebración actual da Festa da Pita, o Antonio e a Gumersinda levan casando 20 anos, dun xeito desenfadado e con moitos símbolos no argumento que procuran unha reconciliación co pasado, fechando as feridas existentes na procura dun futuro mellor para a comunidade.

Seguir lendo

Advertisements

A fin de semana da Pita

Á espera do noso día grande, o calendario da Festa da Pita tamén fixa algunha actividade no fin de semana do Entroido. O sábado ten lugar unha particular “despedida de solteiría” da Gumersinda e do Antonio, que ten lugar através dun folión que percorre o barrio anunciando que xa queda pouco para o Martes de Entroido. Unha persoa próxima a Villarejo fíxonos chegar un par de imaxes da noite:

Seguir lendo

As escolas e a nosa Festa

Asoc. Autismo Ourense

Ao longo destes 21 anos de festa fomos visitando unha morea de centros de ensino, asociacións e outros espazos lúdicos, divulgativos e culturais do país para falar do Entroido e do programa de dinamización socio-cultural que supuxo a recuperación e a nova identidade da Festa da Pita. Despois de máis dun cento de visitas, imos vendo como as persoas que asisten ás presentacións (nomeadamente nenas e nenos) van sabendo máis da nosa festa e da nosa máscara ca nós mesmos.

Nos últimos anos, fomos sabedores de distintas iniciativas das que gostamos muito e dalgunha que mesmo nos emocionou. Cada ano suman un bon número os centros de ensino de diversos puntos do país que contactan con nós ou que deciden pescudar información pola súa conta para desenvolver intervencións relacionadas coa nosa festa ou coa nosa máscara.

CEIP de Rebordáns

No presente ano, á parte das visitas que realizamos a varios centros de ensino ourensáns (como o CEIP do Couto, As Mercedes o CPR Miraflores, Salesianos ou Covadonga-As Eiroás), queremos chamar a atención sobre o traballo desenvolvido na Asociación Autismo Ourense, onde confeizoaron diversas versións dalgunhas máscaras do Entroido ourensán e no CEIP de Rebordáns, de Tui, onde prepararon unha exposición sobre a festa, con materiais incluidos, moi completa. Mesmo no seu web podedes ver algumhas imaxes de nenas e dos nenos do centro con distintas manualidades da nosa máscara.

Conscientes de que este traballo só é posíbel cando existe implicación e ganas de traballar por parte dalgunha ou dalgunhas persoas do centro, queremos recoñecer esta labor investigadora e pedagóxica, así como o compromiso desas persoas que -desde o anonimato- fan tanto polo noso patrimonio… traballan tanto pola educación de todas e de todos.

Grazas, amigas e amigos!