Martes de Entroido 2020

A mañá do martes veu con certa timidez, deixando caír algo de auga por momentos e provocando que tiveramos que activar un plan B a última hora para poder levar a cabo a Voda da Pita sen problemas de seguridade derivados da sonorización do evento. Así as cousas, tivo que chegar o ano no que non demos cumprido a puntualidade eiroasense (que xa lle disputaba prestixio á puntualidade inglesa) no inicio da Voda da Pita ás 13 h.
A xornada comezaba despois das 11.30 h. con unha ruada de Pitas e músicos polo barrio, anunciando a chegada do día grande. Un cuarto de hora despois da 1 do mediodía daba comezo a representación teatral popular que, en ton satírico, rememora como foron as orixes da nosa festa, amais de lembrar, con moito agarimo e respecto ás 2 persoas que protagonizaran aquela cinzarrada na metade do século pasado. Desde que comezamos coa celebración actual da Festa da Pita, o Antonio e a Gumersinda levan casando 21 anos, dun xeito desenfadado e con moitos símbolos no argumento que procuran unha reconciliación co pasado, fechando as feridas existentes na procura dun futuro mellor para a comunidade.Ademais, o guión fai un repaso pola actualidade social e política do último ano. Asistimos así á chegada do alcalde de Ourense ensinándolle até onde chega a cidade ao alcalde “moitasluces” de Vigo. Falaba dos seus proxectos para Ourense, tais como unha torre de 70 prantas nas Eiroás, unha rampa mecánica até Vilar de Astrés ou uns baños termais no antigo vertedoiro, ao tempo que escoitaba como o alcalde de Vigo lle propoñía instalar unha noria de 90 metros “nese pazo tan desanxelado”. Ante a falta da monxa, o alcalde ofrécese a colaborar co crego exercendo como axudante da cerimonia. Ao vestirse, deixalle ao cura un “neno xesús” recén saído da clínica do Dr. Cavadas e cando está a piques de comezar a cerimonia, aparece a monxa-dominatrix que saca da escena a un alcalde que está comezando a tusir e xerando certas dúbidas sobre se posúe o cona-virus.
Xa na voda, e ao confesar os noivos que xa se coñeceran no pallar do Sisto, o crego négase a casalos por estaren en pecado. Nese momento, irrumpiu na escena a mesma Greta Thunberg (traducida nun primeiro momento polo alcalde de Vigo), para concienciarnos sobre a mudanza climática e interferir polos noivos xustificando que o de empregar o pallar do Sisto foi unha boa idea, pois non deixaron pegada climática ningunha.

Houbo algunhas interrupcións telefónicas, por conta do presidente da Deputación (Manuel Baltar), que lle comunicaba ao alcalde que “non ven o do soterramento das vías, que por onde vai ir o tren coas vías soterradas” ou do propio Feijóo en campaña, prometendo a apertura dun paridoiro nas Eiroás e avanzando o plan de mobilidade de pediatras dun hospital para outro conforme as protestas foran xurdindo en cada lugar.
A veciña, voz do pobo que lle reclama aos noivos o pagamento do convite, entonou unha versión do Bella ciao, repopularizada este ano a raíz dunha serie de televisión e dos movementos sociais no continente e -xa ao remate da voda- todo o elenco interpretou unha pequena adaptación da canción O tren, de Andrés do Barro reclamando o dereito a unha boa mobilidade através dunha intermodal digna para a cidade de Ourense.
A voda remataba cos mesmos versos de todas as edicións, recitados pola persoa máis nova do elenco: “Trinta anos agardando / a que alguén collera a cesta; / non permitades, veciñas, que volte a morrer a festa”.

Velaquí algunhas fotos da Voda. Cómpre agradecer ao Martinho Ramos que nos cedeu un bon feixe delas e podemos ofrecer unha reportaxe completa da mesma.

Xa de tarde, puidemos ver disfraces moi curiosos e con moita gana de festa.

Pouco a pouco, foi chegando a noite, momento no que convidamos ao sr. Meco a baixar da farola na que se instalara 3 domingos atrás e pasara a ocupar o lugar que lle correspondía nesta data, onde o Benito, da Pirotecnia Josman, lle axudou a despedir o Entroido como é mandado. O Meco ardeu ben e rápido, o pouco que queda para o próximo Entroido , que dará comezo nas Eiroás o 31 de xaneiro de 2021.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: