22 anos tiveron que pasar desde a primeira representación na praza das Eiroás, para que chegara esta edición dixital a lembrarnos que o Entroido sabe abrirse un oco e sortear as circunstancias máis adversas.
Pasaban uns minutos da 1 da tarde cando a nosa canle do youtube estreaba esta #VodaDaPita2021, co “concelleiro da Voda da Pita” en pantalla, medio despistado e contándonos que tiña que sumar esta nova concellaría ás outras 9 que xa ostentaba. Como representante do concello dorense, capital internacional da intelixencia artificial, adicouse a dar consellos smart e digital ao longo de toda a voda. Despois dun breve saúdo da monxa que asistiu a cerimonia no ano pasado, apareceu o crego, o youtuber AndorranusOMG, quen se apresurou a comezar a cerimonia pois aínda tiña que pendurar un par de partidas nas súas canles dixitais.
Os noivos, desde cadansúa casa, comezaron a cerimonia declarando un positivo de embarazo da Gumersinda, quen alegaba que debeu ser polo Zoom. Posteriormente, a aparición do Fernando Simón, decretando unha corentena através dunha convivencia-aislada-socio-responsable para as persoas que contraigan matrimonio nas Eiroás, abriu un pequeno debate sobre se facer a voda ou non, que solventou o Salvanavidades, un heroi camaleónico que tanto pode disfrazarse de Salvanavidades como de salvasamenasantas ou salvamanteis e sempre disposto a viaxar a calquera lugar da súa amada GaliciaGaliciaGalicia a ser filmado polas cámaras da “nosa” televisión.
Referencias a Trump, ao concello de Ourense, ás vacinas, ao bitcoin… acompañaron a cerimonia que, como de costume, remataba coa cinzarrada provocada pola voz do pobo, a veciña que lle lembraba ao axente da unidade de delitos telemáticos que a única autoridade é a vontade da xente. Unha vontade de reconciliación e diálogo na construcción dun futuro común, representada polas diversas Pitas que -tamén desde as súas casas- entraron na multichamada para acalar as voces totalitarias e confirmarnos que a Festa da Pita non deixou de celebrarse durante a pandemia de 2020-21.
Filed under: Uncategorized | Tagged: carnaval,eiroas,entroido,festa da pita,ourense,voda da pita |
Deixar unha resposta