Martes de Entroido 2022

Desta vez a meteoroloxía soubo adaptarse ben á nosa festa para deixarnos celebrar a Voda da Pita, despois da ruada polo barrio con máscaras e músicos, xa tradicional no programa festivo das Eiroás, aínda que a cautela (e a experiencia) fixo que decidiramos previamente celebrar o acto por baixo da carpa, o que sempre dificulta un pouco o espazo escénico e máis o técnico.

En calquera caso, á 1 do mediodía un crego disfrazado por momentos de showman, oficiaba unha cerimonia prantexada como a Voda que ti queres (e ti, e ti…), ante unha praza ben chea de fregueses chegados de distintos puntos do país, entre os que se atopaban os nosos amigos do Andén Primeiro, unha familia de Ames que nos achegou o fabuloso traballo que desenvolveron xunto á escola de Barouta sobre a máscara da Pita ou mesmo o alcalde de Ourense e outras personalidades que non quixeron perderse a voda máis popular das Eiroás. Emulando ao famoso festival, o torreiro da festa converteuse nunha consulta sobre a idoneidade de ter ou non ter a voda. E tamén como nese famoso festival, a opinión maioritaria da veciñanza foi menosprezada por un xurado que interpretou ao seu xeito os resultados da votación e anulando a celebración da voda. Tiveron que chegar as nosas Tanxugueiras para lembrarnos que os noivos viñeron para casar e que a opinión do pobo non pode desprezarse. Así chegaron os noivos, axudados polo Tinder, a comprometerse na súa nova vida, non sen antes ver como eran expulsados polo crego, que quedaba só enriba do escenario reclamando a súa autoridade até decatarse que el só non era quen de facer nada e moito menos de oficiar a cerimonia. Tamén tivemos a visita (anos despois) da nosa Infanta Cristina, que aproveitaba a visita a Ourense acompañando á súa nai para dicirnos que agora si que se lembraba… e vaia se se lembraba! A mesma infanta librounos do xurado moi profesional e máis dun cuspeaceitunas que estaba buscando traballo, buscándolles un sitio no Consti ou na Audiencia, ou no piso do fiscal, que quedou libre. Para rematar, e como ven sendo habitual, o noso garda-civil tentou ponher orde pola brava na cinzarrada que reclamaba o pagamento da festa aos noivos e as Pitas irrumpiron na escena para conciliar o pasado e o presente na procura dun futuro común.

Xa de tarde, non fomos quen de sacar moito os fociños fóra da carpa até pouco antes da Queima do Meco, momento no que a choiva voltou a dar umha tregua para que puideramos despedir o Entroido das Eiroás como ben se merece ate o vindeiro 5 de febreiro de 2023.

Só queda dar as grazas. Grazas por estarmos outra vez na praza, podérmonos ver e mesmo abrazar. Grazas ao concello de Ourense por facilitar a celebración deste entroido de transición, grazas ao Centro Comercial Ponte Vella e a BeOne polo seu apoio nos patrocinios e grazas ás veciñas e aos veciños que fixeron posible a festa co seu apoio e a súa complicidade e grazas a todas as persoas que nos acompañastes, do barrio ou doutros lugares, facéndonos sentir a sorte que temos de contar con veciñas e veciños en tantos outros lugares do mapa.

Velaquí algunhas imaxes da xornada. E tamén aquí temos que agradecer á Raquel Carreira a cesión das imaxes da Voda.

Seguir lendo

Semana do Entroido

Na semana do Entroido, e antes de chegar o día grande, a Pita e a nosa festa tiveron presenza en distintos espazos. O primeiro, o escolar, coa visita da nosa máscara aos colexios de San Pío X e do Couto, á parte dos traballos realizados sobre a nosa máscara e a nosa festa por distintos centros do país. Tamén é de salientar o desfile escolar que tivo lugar na mañá do venres de Entroido pola cidade de Ourense, homenaxeando á nosa máscara e encabezado polo CEIP Virxe de Covadonga.
Tamén participamos en 2 desfiles na cidade de Ourense. O primeiro deles, na tarde-noite do venres, percorreu o espazo histórico da cidade xunto aos Entroidos de Seixalbo e A Ponte, amais dumha representación dos Galos da Mezquita, dos Felos de Esgos, os Follateiros de Lobios, os danzantes de Vilameá-Riocaldo e os folións de Buxán e de Carracedo da Serra.
E na tarde do domingo, encabezamos -un ano máis- o Desfile do Entroido de Ourense. Mágoa este ano que nos acompañara durante todo o percorrido unha persoa posta pola organización que non debía saber ben como ía isto do Entroido, permanecendo en todo momento a escasos 2 metros das primeiras Pitas, e mesmo interrumpindo as interaccións que ás veces se producían co público, o que dificultou en boa medida o noso desfile… Pero outro ano será mellor.

Velaquí algunhas imaxes dos distintos momentos.

Seguir lendo