As Eiroás é un pequeno barrio situado na zona Norte do perímetro urbán do concello de Ourense. Conserva unha identidade rural, procedente da idiosincrasia que posuía até hai poucos anos.
No aspecto patrimonial, cabe salientar no barrio e na súa contorna o Pazo d’As Eiroás (ou do Conde), reformado no século XIII, o Castro do Val de Gola e un xacemento Paleolítico nas inmediacións do Pazo. Ademais, no monte comunal que se atopa entre o barrio das Eiroás e a parroquia de Vilar de Astrés, podemos visitar a Necrópole de San Mamede, un conxunto de tombas antropomorfas datadas entre os séculos VI e X, e encravadas nun dos poucos espazos da cidade que conservan as distintas especies do bosque autóctono (bon, o que deixou delas a vaga de lumes do ano 2006).

Veciñas de Cudeiro. Imaxe cedida por Marisa González. Na foto: Vinucha Nóvoa, María Luisa García, Pacita González, Milagros Soutullo, Morena Tabarés, Asuncion González, Aurita Seoane, Celia González e outras 2 mulleres das que aínda non sabemos a identidade
A mediados do século XX, un matrimonio (ou máis ben o emparellamento) de dúas persoas viúvas, deu orixe a unha festa, cando menos, singular. Esta coincidiu co Entroido e pasou a ser este núcleo un dos poucos lugares na cidade e arredores nos que se celebraba a festa pagá que antecede á Coaresma.
Como queira que fose, esta deixouse de celebrar nos comezos da década dos ’70 e no ano 1999, desde a A VV, decídese rescatar da memoria daquela celebración, enmarcándoa dentro do ciclo festivo tradicional do Entroido. Nos anos posteriores vanse engadindo contidos a esta festa, entre os podemos salientar unha representación teatral popular (que toma como base o que puido ser aquela cinzarrada) ou a creación dunha máscara propia que naceu coa intención de ser un dos símbolos do futuro barrio d’As Eiroás.