Martes de Entroido 2023

As ganas de Entroido e a boa metoroloxía presente en todos os días da festa, fixo que o Martes fora, máis unha vez, o día grande nas Eiroás, por máis que a choiva ameazara desde primeiras horas. Así, puidemos dar conta do programa sen grandes atrancos, máis que os propiciados polo redeseño da praza e das infraestruturas necesarias para o desenvolvemento da festa.
Comezaba a xornada coa xa tradicional ruada polo barrio con máscaras e músicos, que facía a súa entrada na praza das Eiroás pouco antes de dar inicio a Voda á 1 do mediodía.

Este ano, o papel de crego estivo interpretado por un comisionista que viña disposto a facturar a Voda, enviado por “San Chinchón“. Ao non traer guión, decidiu empregar o ChatGPT deixando en evidencia que sempre hai alguén agochado por tras da intelixencia artificial. A sorpresa deuna a noiva, que este ano viña “picada” (aínda que ela aseguraba que “só piqué 1 vez”) e o crego decidía non oficiar a cerimonia ante tamaña confesión. Para dilucidar se había voda ou non, contamos coa presenza de Carlos III, quen chegou á praza da man de Tamara Falcó para reivindicar o seus dereitos históricos sobre o cortello de Ourense, adquiridos por Xoan de Gante e Lancaster no S. XIV.
Para recibir a tan grande autoridade, o alcalde e o presidente da ourensanía pelexábanse entrando na praza con música do videoxogo Pac-man, despois de esquivaren as distintas obras da cidade, que “parece Jerson“. O presidente da Ourensanía poñía nas mans do alcalde a unha personaxe desmemoriada (Dori, de Dorense), que tiña a chave dos cartos públicos. Despois de lembrar a Rocío Dúrcal nas bocas do alcalde e do presidente da ourensanía, cantando “Tú querías que yo votara al PP” e “Ti querías que te fixera alcalde“, marcharon abrazados ao ritmo de “Cuando decidas tú volver“. previamente, Carlos III abandonaran a praza ante a presenza dun globo chinés (ou do chinés) enviado seguramente polo Putin.

Para rematar, e como ven sendo habitual, o noso garda-civil tentou ponher orde pola brava na cinzarrada iniciada pola veciña que reclamaba o pagamento da festa aos noivos, para posteriormente irrumpiren e as Pitas na escena co obxectivo de conciliar o pasado e o presente na procura dun futuro común.

Despois do xantar na carpa, tivo lugar o baile de disfraces, extendéndose até a última hora da tarde, momento no que o Meco baixou do poste da luz coa mesma axilidade que subira no Domingo fareleiro e procedimos a despedir o Entroido das Eiroás como ben se merece ate o vindeiro 28 de xaneiro de 2024.

Só queda dar as grazas. Grazas por estarmos outra vez na praza, desta vez sen ningún tipo de medidas nin protocolos. Grazas ao concello de Ourense por facilitar a celebración deste entroido, cos momentos de tensión incluidos, grazas ao Centro Comercial Ponte Vella e a BeOne polo seu apoio nos patrocinios e grazas ás veciñas e aos veciños que fixeron posible a festa co seu apoio e a súa complicidade. Grazas tamén a todas as persoas que nos acompañastes, do barrio ou doutros lugares, facéndonos sentir a sorte que temos de contar con veciñas e veciños en tantos outros lugares do mapa.

Podedes ver a continuación algunhas imaxes da xornada, amais dun video recompilatorio con diversos momentos desta 25ª edición e unha selección de fotos da Voda da Pita cedidas por Raquel Carreira.

Seguir lendo

Oleiro 2023

Tarde espectacular, case primaveral, de olas, música e xogos nas Eiroás. Xa pasaba das 5 da tarde cando as Pitas e os músicos facían a entrada na praza das Eiroás levando o carro coas olas pintadas o día anterior polas nenas e polos nenos das Eiroás amais dos obradoiros realizados na Escola amiga deste 2023, o CEIP Mestre Vide e no Centro Comercial Ponte Vella algúns días antes.

A Pita lucía unha nova fita branca, querendo reflexionar sobre a necesidade que sigue tendo a nosa sociedade de darlle umha oportunidade á paz, amais de lembrar as batas brancas do persoal sanitario, que sigue vendo como se incrementan os recortes cada ano.

Mentres as olas voaban pola praza, na procura dunha man amiga que as apañara antes de escacharen no chan, as mozas e mozos máis xoves xogaban con globos e mesmo probaban algunha ola, por ir afacéndose ao tacto. Cara o fin da xornada, e antes de comezar a última roda, foi o Manolo Guimarey (o mesmo neto do Antonio Guimarey) quen propuxo salvar esa última ola e que fora a primeira da vindeira edición, no 2024. E así quedou instaurado, quen sabe se un novo costume da nosa festa.

Velaquí algunhas imaxes da xornada.

Seguir lendo

Farelou nas Eiroás

fareleiro2016_17Así foi o Domingo Fareleiro nas Eiroás, que comezaba a xornada xa de manhá coa chegada do Meco e a habitual recepción das autoridades. Acompañaban ao encargado de presidir a praza os seus asesores de imaxe, que neste ano foron a familia Gutiérrez López e un nutrido grupo de veciñas e veciños que non quixeron perderse evento de tanto glamour.

Xa despois do xantar, puidemos gozar dunha tarde mui pouco propia do tempo do ano no que estamos, o que propiciou que mañá se podan comer croquetas en algún que outro fogar dos arredores. Eis algunhas imaxes da xornada: Seguir lendo

Curso-Obradoiro sobre A Pita

cartaz cursoO 2016 vainos traer un Entroido moi temperán, así que arrincade cos preparativos, non vaia a ser que nos sorprenda dona Coaresma e nos lembre que de burro morto, cebada ao rabo.

Nesta edición, queremos convocar un curso-obradoiro sobre o Entroido en xeral e a máscara da Pita en particular, dándolle un contido un chisco máis global aos obradoiros que se realizaran en anos anteriores para a elaboración de traxes.

O curso -que conta coa colaboración da Consellaría de Cultura, Educación e O.U.  da Xunta de Galicia- dará comezo vindeiro 4 de decembro e o prazo de inscrición (con prazas limitadas) está aberto até o día anterior (3 de decembro), cumprimentando e enviando por correo-e esta ficha de inscricion

Branco e negro no broche

broche3Do ombreiro do traxe da Pita sae un broche (ou perfura) de coiro que nos indica a antigüidade de cada máscara. No propio broche pode verse o logotipo da asociación e a data na que saiu por primeira vez a máscara completa (2002). Da perfura colgan unhas fitas grosas de cores, cada unha representando o ano en que correu o entroido esa máscara.

A cor de cada fita elíxese en base aos feitos acaecidos ao longo de cada ano, e neste senso, unha fita BRANCA E NEGRA será a que pendurará do broche neste 2014, pois desde a Asociación Amigas/os da Pita entendemos que en 2013 vivimos unha serie de reformas sociais e lexislativas que nos retrotraeron a outros tempos, anos nos que a cor non estaba presente na televisión (nin, en parte, nas nosas vidas). Dubidando de se en cualquer momento o NO-DO regresa ás televisións e salas cinematográficas, decidimos darlle cabida no traxe a esta circunstancia; iso si, con unha cinta a topos para tentar quitarlle ferro ao asunto.
Lembrar que as primeiras máscaras poderanse ver n’As Eiroás o Domingo Oleiro (vindeiro 26 de febreiro).
Aquí pódese facer un repaso das distintas fitas e do seu significado que representan aos 13 anos de antigüidade