A Pita nas escolas

Nos prolegómenos do Entroido, tamén visitamos habitualmente distintos centros de ensino. Centramos a atención na escola amiga de cada ano que, neste 2023, foi o CEIP Mestre Vide, pero tamén asistimos a algún dos centros que nos convidan (sempre en menor número do que quixeramos, razón pola que vos pregamos paciencia).

Así, pois, o CEIP Mestre Vide recibiu a nosa visita para falar do Entroido e da Festa da Pita, amais de participar na decoración dunha parte das olas que escacharon na praza das Eiroás o pasado día 12. Dous días antes, unha representación das Pitas encargouse de recoller as olas no cole, amais de percorrer as aulas do centro. Velaquí algunha foto da xornada.

Por outra parte, tamén estivemos no CEIP Roberto Blanco Torres, da Peroxa, no CPI Antonio Faílde, de Cambeo e no IES Salvaterra de Miño, lugares todos eles nos que estivemos moi cómodos e aprendimos un pouco máis da nosa festa máis querida.

Por último, cómpre facer unha mención a algúns dos materiais que nos enviades cada ano sobre a máscara da Pita. Nesta ocasión queremos compartir a fantástica comadre que preparou Naila, e que nos fixo chegar a súa nai Laura Martínez Vázquez.

As Pitas levarán outra fita branca

A cor escollida para engadir á perfura daquelas Pitas que corran o Entroido deste ano 2023 é a BRANCA. Con esta cor queremos reflexionar sobre a necesidade que sigue tendo a nosa sociedade de darlle umha oportunidade á paz, como cantaba Lennon hai xa 50 anos. Na actualidade existen máis de medio cento de guerras e conflitos armados ao redor do planeta, que causan mortes e dor innecesarias. A recente invasión de Ucraína por parte de Rusia, nunha guerra que xa dura case 10 anos, veu a constatar a dependencia global tanto no ámbito social como económico ou cultural, que temos todos os pobos do mundo ante un conflito tan inxusto e inútil como é unha guerra.

Por outra parte, con esta cor tamén queremos lembrar ás batas brancas do persoal sanitario, que despois de recoller aplausos diarios na recente pandemia sigue vendo como se recortan ano tras ano, os recursos para a sanidade pública, provocando o colapso nos centros de saúde e nos servizos de urxencia. E, ademais, levará un “X” para marcar no almanaque multicor do noso traxe o nacemento dunha nova filla na comunidade da Pita.

Hoxe domingo, contra as 5 da tarde, poderanse ver ás primeiras Pitas que corran o Entroido deste ano levando as olas á praza das Eiroás. As máis “vellas” portarán 2 fitas brancas na súa perfura: a que representa ao primeiro ano (2002) e a escolllida neste 2023.


Podes consultar aquí as cores de todos os anos.