Fechamos unha nova edición da festa. Alá van 21 anos botando foguetes e tentando crear/recuperar unha identidade cultural, festiva e lúdica no barrio e no seu contorno. 21 anos que dan para moito, para momentos bos e para momentos aínda mellores, con algúns que outros atrancos, aos que sempre se lles atopa solución.
Só queda agradecer a colaboración daquelas persoas e entidades que fixeron posíbel os distintos momentos da festa. Grazas á Concellaría de Cultura do Concello de Ourense. Grazas tamén á Alcaldía do Concello polas súas xestións e grazas ao INORDE, que nos cedeu as vallas para tentar ordenar unha praza, que máis semella un parque temático de sinais de tráfico, especialmente transitada por vehículos de fóra do barrio e que se converte nun enorme charco nos días de choiva. Grazas aos centros de ensino e a esas outras entidades que traballan tan ben o Entroido e a nosa festa no seu centro. Grazas ao comercio local, que nestes tempos especialmente difíciles permitiron -un ano máis- que seguiramos abusando deles facendo posíbel que o Entroido chegara ás Eiroás.
E grazas, por enriba de todo, ás veciñas e aos veciños sen cuxa colaboración e participación non tería sentido que o Meco presidira a praza durante estes 15 días. E grazas, tamén, á Pepita e á Raquel, que seguiron agasallándonos coas súas rosquillas e orellas de Entroido.
Grazas, por último, a todas as persoas que vos achegastes até As Eiroás, agardando que gozarades da festa ou cando menos da nosa hospitalidade. Fixemos o que puidemos; se nalgo faltamos, outro ano sobraremos.
Pola nosa parte, voltaremos a colgar o Meco (ou Meca) o 9 de febreiro de 2020. Vivide o Entroido, aló onde esteades!
Blog en WordPress.com. WP Designer.
Deixar unha resposta