Do ombreiro do traxe da Pita sae un broche (ou perfura) de coiro que nos indica a antigüidade de cada máscara. No propio broche pode verse o logotipo da asociación e a data na que saiu por primeira vez unha máscara completa (2002). Da perfura colgan unhas fitas grosas de cores, cada unha representando o ano en que correu o entroido esa máscara en concreto.
2023 – BRANCA. Con esta cor queremos reflexionar sobre a necesidade que sigue tendo a nosa sociedade de darlle umha oportunidade á paz, como cantaba Lennon hai xa 50 anos. Na actualidade existen máis de medio cento de guerras e conflitos armados ao redor do planeta, que causan mortes e dor innecesarias. A recente invasión de Ucraína por parte de Rusia, nunha guerra que xa dura case 10 anos, veu a constatar a dependencia global tanto no ámbito social como económico ou cultural, que temos todos os pobos do mundo ante un conflito tan inxusto e inútil como é unha guerra. Por outra parte, con esta cor tamén queremos lembrar ás batas brancas do persoal sanitario, que despois de recoller aplausos diarios na recente pandemia sigue vendo como se recortan ano tras ano, os recursos para a sanidade pública, provocando o colapso nos centros de saúde e nos servizos de urxencia. E, ademais, levará un “X” para marcar no almanaque multicor do noso traxe o nacemento dunha nova filla na comunidade da Pita.
2022 – PRATEADA. Atendendo á cor empregada internacionalmente para chamar a atención sobre a saúde mental. Despois de 2 anos de pandemia, víronse incrementadas as consultas médicas relacionadas coa saúde mental. Tamén se incrementou dun xeito máis que notable o índice de suicidios, perdendo a vida 307 persoas en Galicia e 3.671 no conxunto do Estado. Galicia ten umha taxa de suicidios de 13,11 por cada 100.000 habitantes, case o dobre da media estatal (7,79). Ademais este ano tamén foi testigo de como diversas celebridades, principalmente da cultura e do deporte sumáronse á visibilización deste problema oculto cara o que semella que non queremos mirar. E contodo, aínda non contamos con umha estratexia de prevención do suicidio.
2021 – VERDE “traslúcida”. Como cor da resiliencia e da esperanza-confianza no futuro, amais de chamar a atención sobre a necesidade dunha solución “verde” a un mundo con menos diversidade a cada paso e -portanto- con máis posibilidades para a expansión de virus como o acontecido coa COVID-19. Ademais, este ano a fita levará umha inicial: o “L” para marcar no almanaque multicor do noso traxe o nacemento dun novo fillo na comunidade da Pita.
2020 – VERMELLA. Ante uns discursos que afondan máis na crispación e no maniqueísmo, apostamos polo diálogo e a comunicación entre os pobos e entre as persoas, na procura do entendemento e do traballo colectivo por un futuro común.
2019 – AZUL “europea”. As migracións masivas de persoas que chegan das rexións máis empobrecidas e con maior número de conflitos bélicos do planeta, provocados pola usurpación que facemos dos seus recursos e polos golpes de Estado promovidos polos “países ricos”, están convertindo o Mediterráneo na grande foxa común da vergoña.
Estamos deixando morrer aos pais e irmáns dos que serán os cidadáns europeos do futuro.
Se non queremos que os nosos fillos teñan que avergoñarse e renegar de nós dentro de 30 anos, por ter deixado morrer a milleiros de nenos na porta das nosas casas, imos ter que ir poñéndonos as pilas e reorganizar a orde de prioridades na xestión do público, situando o dereito á vida por enriba da protección ao sistema financeiro.
2018 – MARRÓN ESCURA, moi estreita. Queremos chamar a atención sobre o incremento da desigualdade no noso contorno e no conxunto do Estado, feito que por primeira vez desde que comezara a conquista dos dereitos laborais, provoca que haxa traballadores activos no limiar da pobreza: un posto de traballo non garante poder chegar a fin de mes.
Os últimos informes de Intermón-Oxfam e mesmo da Comisión Europea apuntan que nos últimos 9 anos, os salarios máis baixos teñen descendido de media -no conxunto do Estado- un 15%, ao tempo que os máis altos subiron un 15,2%, situándonos á cabeza dos países máis desiguais na Unión Europea, e provocando unha situación descoñecida para millóns de españois.
A isto engadimos as reivindicacións xurdidas nas pasadas datas, propoñendo un lazo marrón pola insultante suba das pensións de xubilación (0,25%) en contraste coas fortes subas do gasto corrente de todos os fogares. Neste senso, a nosa provincia chegaba no ano 2017 a ser a provincia máis envellecida do estado español, con unha idade media de 50,8 anos, ao tempo que conforma tamén o territorio onde as pensións de xubilación son máis baixas (729€). Isto, unido ao feito de que neste ano tamén o número de pensións de xubilación superou ás altas na seguridade social na provincia, debera suponher unha aguillada para poñerse a traballar para saírmos do puxo no que nos metimos/meteron nos últimas tempos.
2017 – MARRÓN. Queremos este ano chamar a atención sobre a importancia das migracións humanas e do diálogo intercultural para a evolución e a mellora da especie. Marrón porque nos acerca aos ciclos vitais, á terra, á natureza… lémbranos cuais son as nosas raíces, as nosas orixes e fainos recapacitar cobre as pouquísimas cousas que en realidade son imprescindibles e necesarias.
Os períodos de crise e de mudanzas son aproveitados por persoas e institucións ególatras e xenófobas (en muitas ocasións, os verdadeiros responsables da mala situación económica) para tentar infundir na sociedade o odio e o medo ao descoñecido, provocando unha situación totalmente antinatural de feche de fronteiras e rexeitamento aos movementos migratorios (como se á fame, aos sentimentos ou ao medo se lle puderan poñer portas). Se a humanidade tal e como a coñecemos foi consecuencia -en boa medida- das migracións que propiciaron o coñecemento, a multiculturalidade e a evolución da especie, cómpre chamar a atención sobre o erro global que estamos a cometer ao convertérmonos en excesivamente proteccionistas dos distintos ámbitos xeográficos e políticos, chegando a permitir que milleiros de nenas e nenos morran cada mes ás portas da nosa casa. Gastar cantidades que exterminarían a fame do planeta en evitar que o ser humán se mova libremente polo mundo é unha medida que só pode xogar na contra da nosa evolución como especie.
2016 – VERDE CLARA. Queremos facer fincapé con esta cor na defensa do ensino público, despois de ter sido unha das propostas de cor nos últimos anos e ante a continuidade dun modelo que semella ir encamiñado cara a precarización dos servizos públicos e de calidade.
Nos últimos anos vimos sufrindo con cada mudanza no governo a elaboración dunha lei educativa diferente leis que nos achegan cada vez máis á “escola da ignorancia”.
É importante lembrar que o ensino público é o único que garante a educación en igualdade entre homes e mulleres, o verdadeiramente intercultural e realmente aberto; o que mira cara adiante sen medo e para ben. É o que non serve de distincións caducas baseadas na clase social, o lugar de orixe ou a relixión para se distinguir. É ademáis o que conta con máis e mellores profesionais e recursos para o seu alumnado. Por estes motivos nos sumamos á defensa do ensino público, posto que o este é o modelo que promove o dereito fundamental e democrático dunha educación universal gratuita e de calidade, baseada nos valores do progreso e na xustiza social.
2015 – BRANCA CRÚA, con texto libre. Ao longo do ano anterior, nomeadamente na parte final -consecuencia dos atentados de París contra da revista Charlie Hebdo– vimos observando a fraxilidade da liberdade de expresión. A deshumanización duns asesinos ou as medidas adoitadas en consecuencia que, muitas das veces, coartan os nosos dereitos fundamentais, fan que nos prantexemos distintas cuestións que queriamos reivindicar e ter presentes na fita deste ano 2015: até onde podemos satirizar, de que nos podemos rir, sobre que podemos opinar, que páxinas web ou medios podemos visitar, de que ideoloxías ou crenzas deben ser o noso circo de amizades… Sobre a fita, cada Pita poderá escribir a idea ou frase coa que máis se identifique cadaquén, de manufactura propia ou allea. A maiores, a fita deste ano leva unha letra “C” pois tamén neste ano veu ao mundo unha nova nena, filla dumha membro da nosa comunidade, e a quen recibimos con ledicia e agarimo.
2014 – BRANCO E NEGRO. Entendemos que no 2013 vivimos unha serie de reformas sociais e lexislativas que nos retrotraeron a outros tempos, anos nos que a cor non estaba presente na televisión (nin, en parte, nas nosas vidas). Dubidando de se en cualquer momento o NO-DO regresa ás televisións e salas cinematográficas, decidimos darlle cabida no traxe a esta circunstancia; iso si, con unha cinta de topos para tentar quitarlle ferro ao asunto.
2013 – ROSA-FUCSIA. O 2012 supuxo o desmantelamento do Estado social, nunha sociedade esquizofrénica que nos vai convencendo de que os culpables da situación somos quen máis a sufrimos, mentres os verdadeiros responsables son os que marcan as normas do xogo. Ademáis, e atendendo ás “modas” marcadas polo ano, a fita do 2013 sufriu un importante recorte, ficando máis curta do que as anteriores Outra visión é as palabras dunha Pita ao respeito: “Despois de tanto sufrir, a cor rosa p’a voltar a rir”. Por outra parte, foron 2 os bebés chegados ao mundo no contorno da festa, polo que a fita incluirá outras tantas iniciais: o “L” e o “V“.
2012 – MARELO. Entendemos que 2011 supuxo o ano das revoltas sociais en medio mundo. O norte de África mudou o mapa socio-político e no noso entorno máis próximo (o Estado e mesmo a cidade) vivíronse concentracións emanadas do que se deu en chamar 15-M, que trascendeu a un bon número de países do mundo. Escóllese esta cor por ser unha das 2 cores (xunto ao negro) empregadas por este movimento. Asemade, e seguindo co costume de incluir as iniciais dos bebés nacidos dunha Pita ao longo do ano, a fita deste 2012 incluirá 3 iniciais, por outras tantas crianzas recén chegadas ao mundo no contorno da festa. As letras serán o “G“, o “A” e o “R“.
2011 – ALUMINIO. Eliximos esta cor por ser o 10º ano que corría o Entroido a máscara da Pita (por aquilo das vodas de aluminio=10 anos) grabada co texto “X aniversario”.
2010 – GRIS. Cor da pedra grá galega que ateiga os Caminhos que nos conectan con Europa e co mundo, aproveitando que estamos en ano xacobeo, ano ademáis no que consideramos preciso reivindicar o uso e defensa da nosa língua, o galego, diante dalgunhas accións e declaracións que se alonxan da realidade socio-lingüística galega e que semellan procurar un progresivo desuso da língua propia de Galicia. Ademáis, neste ano deixounos repentinamente un membro da comisión organizadora (o sempre lembrado Luis) e é por iso que -a maiores- cada ano que isto ocorra, a fita correspondente irá tocada dun pequeno lazo negro na parte alta da mesma.
2009 – VIOLETA. O ano que remataba fora declarado ano contra da violencia de xénero, adicación esta que non foi suficiente para frear as -alomenos- 70 vítimas mortais da violencia machista.
E seguindo co costume de incluir a inicial dos fillos ou fillas dun ou dunha membro da comunidade das Pitas, este ano, recibimos a outro neno, polo que as fitas do 2009 levarán un “X“.
2008 – MARRÓN CLARO. Este ano veu marcado por ser o ano no que se recoñeceu na Comunidade Internacional a mudanza climática que afecta ao noso planeta. O premio Nobel ao Grupo Interguvernamental sobre a mudanza climática, da ONU, e a Al Gore, membro do mesmo e que tamén recibiu o Príncipe de Asturias, a cimeira de Bali, e máis no terreo local a grande seca que sufrimos no noso país, que afectou enormemente ao sector primario e fixo tomar precaucións sobre o abastecemento de augas á Administración, fainos introducir no traxe este elemento que nos sensibiliza con este problema global. Este ano tamén nos deixa unha nova circunstancia: é a primeira vez que 2 pitas teñen un fillo, o que fai que apartir de entón a fita de cada ano no que unha pita teña descendencia, verase adornada pola inicial (ou iniciais) do nome da crianza (ou crianzas) que veñan ao mundo. Neste caso será o “M“.
2007 – VERMELLA. A vaga de lumes no verán anterior foi o que marcou a cor deste ano. Ao longo do país e máis concretamente n’As Eiroás e en toda a zona norte da cidade de Ourense os incendios deixaron nas nosas memorias imaxes que agardamos non se volten a repetir.
2006 – VIOLETA. Este vai ser o ano que pase á Historia en España por mudar o conceito legal de matrimonio e poder efectuar vodas entre persoas do mesmo sexo. Ademáis, o traxe da Pita é un “traxe de voda”, en lembranza da cerimonia que deu orixe á festa á que representamos.
2005 – VERDE. A natureza que marca o calendario agrario e o ciclo festivo tradicional (onde está o Entroido) ven representada por esta cor. Ademáis, Galiza é verde e esta cor tamén tende lazos cara a cultura común que compartillamos co país veciño (Portugal).
2004 – LARANXA. Cor da solidariedade. Neste ano quixemos lembrar o afundimento do Prestige (acaecido en novembro do 2002). Quixemos facelo lembrando aos milleiros de persoas que se solidarizaron con nós, achegándose até as nosas costas para axudar a limpar os restos do chapapote ao longo do ano 2003.
2003 – AZUL. O traxe enmárcase dentro da cultura galega; dentro dunha das festas máis emblemáticas desta cultura. O azul representa a Galiza, polo mar, a auga e a bandeira.
2002 – BRANCA. Primeiro ano do traxe. A primeira fita, polo tanto, tamén foi branca, como a base de todas as cores.
//
Deixar unha resposta