Alá van as olas

Agora si que puideron voar as olas. 2 anos despois volta a normalidade á praza das Eiroás no seu Entroido. E faino con unha climatoloxía estupenda (talvez d emáis para estas datas) nunha tarde festiva e moi participativa, na que houbo espazo para as olas, os globos de auga e o baile coa Charanga Alambique.

Temos poucas fotos da xornada, polo que agradeceriamos que nos enviarades as que consideredes ou subades as fotos ás vosas redes sociais co cancelo #FestaDaPita2022.

Seguir lendo

Domingo Oleiro 2022

Mañá domingo 20 ás 5 da tarde (máis ou menos) chegarán á praza das Eiroás as olas que van protagonizar a xornada festiva da Festa da Pita. E farano, un ano máis, da man da Pita, que se deixará ver por vez primeira neste Entroido despois de 2 anos sen poder saír con normalidade.

As Pitas que saian maña levarán no broche a fita que vai representar ao presente ano, o 2022. Esta será de cor PRATEADA, atendendo á cor empregada internacionalmente para chamar a atención sobre a saúde mental. Despois de 2 anos de pandemia, víronse incrementadas as consultas médicas relacionadas coa saúde mental. Tamén se incrementou dun xeito máis que notable o índice de suicidios, perdendo a vida 307 persoas en Galicia e 3.671 no conxunto do Estado. Galicia ten umha taxa de suicidios de 13,11 por cada 100.000 habitantes, case o dobre da media estatal (7,79). Ademais este ano tamén foi testigo de como diversas celebridades, principalmente da cultura e do deporte sumáronse á visibilización deste problema oculto cara o que semella que non queremos mirar. E contodo, aínda non contamos con umha estratexia de prevención do suicidio. Esta é a reivindicación da Pita no ano 2022 e aquí podes lembrar a fita que representa cada ano na nosa máscara.

Seguir lendo

Veñen oliñas

Xa chega o último domingo antes do Entroido, que nas Eiroás chamamos Oleiro, e con el o xogo das olas e a primeira aparición da nosa máscada. Tamén ven sendo costume nos últimos anos, contar co apoio dunha escola da cidade, que nos axuda a decorar as olas que han escachar este día na praza.

Neste ano 2022, a nova escola amiga da Pita é a Escola Oficial de Idiomas de Ourense, que nos recibiu no seu centro para falarmos do Entroido e da nosa festa, amais de facer unhas olas chulísimas, que se unirán ás que decoren mañá as nenas e os nenos do barrio.

Moitas grazas á Escola Oficial de Idiomas, ao Equipo de Dinamización da Lingua Galega e ao alumnado desta escola.

Velaquí algunhas fotos que nos fixeron chegar do obradoiro e do acto de hoxe, no que recollimos as olas e nomeamos á nova escola amiga.

O Antonio busca noiva para a Voda

“Xa tenho o nerflix, agora só me falta ela” Con estas palabras, manifestábanos a fonda señardade coa que vive o seu día a día o Antonio Guimarey. Hai anos que perdeu á súa muller e agora anda na procura dunha pitiña para chocaren os ovos xuntos.


Vive momentos de tanta angustia, cabo do lume da lareira da súa casa nas Eiroás, que se animou a crear un perfil en Tinder, por ver se atopa a unha nova compañeira coa que compartir torradas e agarimos nas longas noites de inverno.

Seguir lendo

O farelo volve á praza

Onte domingo 13 deu comezo a 24ª edición da Festa da Pita, coa celebración do Domingo Fareleiro. O dia estivo ben pasado por auga e talvez foi a nosa falta de previsión a que impediu que tiveramos un bo número de filloas para todo o Entroido.
A fin de semana arrincaba o sábado co asesoramento de imaxe do sr. Meco, que durmía baixo cuberto pola noite antes de trepar con grácil axilidade á cima da farola no mediodía do día seguinte.
Xa de tarde, o farelo voltou á praza das Eiroás. Malia a climatoloxía non axudaba, aínda houbo algúns atrevidos e algunhas atrevidas que aproveitaron as escampadas para achegarse á praza.
A festa está en marcha, outra vez. Recuperamos o Entroido e recuperamos a normalidade… pouco a pouco.

Velaquí unhas poucas fotos da xornada:

Seguir lendo

Programa 2022

Tras case dous anos de espera, chega o Entroido a Ourense. Tiveron que pasar 719 días para que as rúas da nosa cidade voltaran acoller novamente a celebración da festa -probablemente- máis imbricada na nosa xenética cultural. Despois da experiencia do ano pasado, que nos obrigara a reinventarnos a través da rede, o barrio das Eiroás inaugura o Entroido e unha nova edición da Festa da Pita coa celebración do Domingo Fareleiro.

Así, o vindeiro domingo día 13 dará comezo comezo unha festa de transición, con algunhas limitacións con respecto ao que era habitual hai uns anos e voltará a selo apartir do ano que ven. A 24ª edición da Festa da Pita conta coas benzóns e as licencias oportunas das autoridades do barrio, que agardan pola chegada do Meco pouco antes do xantar do domingo, para dar saída á celebración do Entroido en todo o termo municipal. Alén da participación nos desfiles da cidade (o día 27) e do CEIP Virxe de Covadonga (o día 25) e doutras actividades promocionais e divulgativas, o programa deste ano nas Eiroás -que vai estar atento ao desenvolvemento da situación sanitaria e ás normativas emanadas das administracións correspondentes- é o seguinte:

Seguir lendo

Imaxe da Festa da Pita 2022

Xa temos cartel para a 24ª edición da Festa da Pita e chega asinado por un amigo da festa, que xa colaborara con nós no ano 2009. Trátase de Rober, que nos propón algo así como un cartaz disfrazado. Sobre unha base na que xoga con deformacións na procura de transmitir o efecto de movemento, emprega materiais que lembran a ese apartado gastronómico -tan presente no Entroido- que se disfrazan dumha persoa disfrazada, ou mellor dito, vestida, de Pita, que non deixa de ser o elemento que diferencia á nosa festa.
Moitas grazas, Rober, pola túa colaboración. Aquí ou aquí podedes ver os seus traballos.
Se queredes, podedes ver os carteis doutras edicións, mentres non subimos, na xornada de mañá xoves, o programa da festa deste ano, que dará comezo o vindeiro domingo, día 13.

Resultados da consulta sobre o xantar

Hoxe pechouse o enquérito que vos propuxemos para saber como iamos facer co xantar nesta edición especial da Voda que ti queres. Lembrar que a pregunta era: Quen prefires que pague o xantar da Voda da Pita? E estes foron os resultados:
Que paguen a Gumersinda e o Antonio 59,57 %
Preferides convidar vós a todas e todos as/os titiriteiras/os 4,26 %
Facede o que queirades, imos comer igual 36,17 %

E despois de seren analizados a fondo polos nosos expertos, réstanlle importancia ao 59 e ao 36 e chaman a nosa atención sobre o número 4, que en binario está representado por 100, e en demoscopia o 100 é popularmente coñecido como tododios, entendendo isto como un dato irrefutable para comprendermos a intención real do público, que non foi outra que a de escoller esta opción, aínda que lle dera mal ao botón, o sistema funcionara erróneamente ou umha gastroenterite calquera non lle permitira pensar mellor.

Seguimos, pois, avanzando cara a Voda que ti queres, máis participativa e interactiva que nunca. E que non falten uns rabiños de polbo, se acaso.

Consulta popular

Achégase o 1 de marzo, Martes de Entroido, e con el unha nova edición da Voda da Pita, que este ano -se non hai novidade- celebraremos na Praza das Eiroás (a de verdade, diante do Pazo). Despois deste tempo de retiro vírico, queriamos consultar con vós sobre un dos aspectos da Voda e da Festa. O asunto é se considerades máis apropiado que os noivos paguen o xantar para todas as persoas asistentes ou se preferides convidar vós ao elenco da Voda. No caso de elexirdes a primeira opción (que paguen a Gumersinda e o Antonio) votade “VODA0103-COMER“. E se preferides convidar a todas/os as/os titiriteiras/os, enviade “VODA0103-PAGAR“. Podedes mandar un SMS coa mensaxe correspondente ao voso voto ou facelo aquí mesmo.

Praza virtual das Eiroás

O Martes sempre é o día grande nas Eiroás. E este ano, non só tivo lugar a voda, senón que tamén tiveron lugar outras intervencións e tamén recollemos outras iniciativas ao redor da festa que nos fixestes chegar. Xa pola mañá, unha Pita visitaba o CHUO para agradecer ás traballadoras e aos traballadores da Sanidade pública a súa adicación durante esta pandemia, amais de lembrarlles que estabamos no Entroido. Despois tiña lugar a voda en formato de multichamada e xa de tarde enteirámonos que as veciñas e os veciños da Rúa Lopez Ferreiro, moi activos nesta festa, ían queimar a sardiña e despedir o Entroido. Seguir lendo