Imos ir subindo aquí as partes traseiras das carautas das distintas máscaras
//
//
E alá foi. Casamos e case embarcamos un Martes e Trece nas Eiroás outra edición da festa. Xa son 20 anos botando foguetes e tentando crear/recuperar unha identidade cultural, festiva e lúdica no barrio e no seu contorno. 20 anos que dan para moito, para momentos bos e para momentos aínda mellores, con algúns que outros atrancos, aos que sempre se lles atopa solución.
Só queda agradecer a colaboración daquelas persoas e entidades que fixeron posíbel os distintos momentos da festa. Grazas [a última hora e moi recortadas] á Concellaría de Cultura do Concello de Ourense. Grazas tamén á Alcaldía do Concello polas súas xestións e grazas ao INORDE, que nos cedeu as vallas para tentar ordenar unha praza especialmente transitada e que se converte nun grande charco nos días de choiva. Grazas á María Piensos por agasallarnos coa imaxe deste ano. Grazas á nova Escola amiga da Pita -o CEIP de Prácticas– por traballar o Entroido e a nosa festa no seu centro. Grazas ao comercio local, que nestes tempos especialmente difíciles permitiron -un ano máis- que seguiramos abusando deles facendo posíbel que o Entroido chegara ás Eiroás.
E grazas, por enriba de todo, ás veciñas e aos veciños sen cuxa colaboración e participación non tería sentido que o Meco presidira a praza durante estes 15 días. Moi especial mención, neste senso, a aquelas persoas que acudiron ao noso chamado implicándose de xeito especial na financiación da festa nunha edición especialmente difícil. E grazas, tamén, á Pepita e á Raquel, que seguiron agasallándonos coas súas rosquillas e orellas de Entroido.
Grazas, por último, a todas as persoas que vos achegastes até As Eiroás, agardando que gozarades da festa ou cando menos da nosa hospitalidade. Fixemos o que puidemos; se nalgo faltamos, outro ano sobraremos. Pola nosa parte, voltaremos a colgar o Meco (ou Meca) o 17 de febreiro de 2019. Vivide o Entroido, aló onde esteades!
Blog en WordPress.com. WP Designer.