Martes de Entroido 2023

As ganas de Entroido e a boa metoroloxía presente en todos os días da festa, fixo que o Martes fora, máis unha vez, o día grande nas Eiroás, por máis que a choiva ameazara desde primeiras horas. Así, puidemos dar conta do programa sen grandes atrancos, máis que os propiciados polo redeseño da praza e das infraestruturas necesarias para o desenvolvemento da festa.
Comezaba a xornada coa xa tradicional ruada polo barrio con máscaras e músicos, que facía a súa entrada na praza das Eiroás pouco antes de dar inicio a Voda á 1 do mediodía.

Este ano, o papel de crego estivo interpretado por un comisionista que viña disposto a facturar a Voda, enviado por “San Chinchón“. Ao non traer guión, decidiu empregar o ChatGPT deixando en evidencia que sempre hai alguén agochado por tras da intelixencia artificial. A sorpresa deuna a noiva, que este ano viña “picada” (aínda que ela aseguraba que “só piqué 1 vez”) e o crego decidía non oficiar a cerimonia ante tamaña confesión. Para dilucidar se había voda ou non, contamos coa presenza de Carlos III, quen chegou á praza da man de Tamara Falcó para reivindicar o seus dereitos históricos sobre o cortello de Ourense, adquiridos por Xoan de Gante e Lancaster no S. XIV.
Para recibir a tan grande autoridade, o alcalde e o presidente da ourensanía pelexábanse entrando na praza con música do videoxogo Pac-man, despois de esquivaren as distintas obras da cidade, que “parece Jerson“. O presidente da Ourensanía poñía nas mans do alcalde a unha personaxe desmemoriada (Dori, de Dorense), que tiña a chave dos cartos públicos. Despois de lembrar a Rocío Dúrcal nas bocas do alcalde e do presidente da ourensanía, cantando “Tú querías que yo votara al PP” e “Ti querías que te fixera alcalde“, marcharon abrazados ao ritmo de “Cuando decidas tú volver“. previamente, Carlos III abandonaran a praza ante a presenza dun globo chinés (ou do chinés) enviado seguramente polo Putin.

Para rematar, e como ven sendo habitual, o noso garda-civil tentou ponher orde pola brava na cinzarrada iniciada pola veciña que reclamaba o pagamento da festa aos noivos, para posteriormente irrumpiren e as Pitas na escena co obxectivo de conciliar o pasado e o presente na procura dun futuro común.

Despois do xantar na carpa, tivo lugar o baile de disfraces, extendéndose até a última hora da tarde, momento no que o Meco baixou do poste da luz coa mesma axilidade que subira no Domingo fareleiro e procedimos a despedir o Entroido das Eiroás como ben se merece ate o vindeiro 28 de xaneiro de 2024.

Só queda dar as grazas. Grazas por estarmos outra vez na praza, desta vez sen ningún tipo de medidas nin protocolos. Grazas ao concello de Ourense por facilitar a celebración deste entroido, cos momentos de tensión incluidos, grazas ao Centro Comercial Ponte Vella e a BeOne polo seu apoio nos patrocinios e grazas ás veciñas e aos veciños que fixeron posible a festa co seu apoio e a súa complicidade. Grazas tamén a todas as persoas que nos acompañastes, do barrio ou doutros lugares, facéndonos sentir a sorte que temos de contar con veciñas e veciños en tantos outros lugares do mapa.

Podedes ver a continuación algunhas imaxes da xornada, amais dun video recompilatorio con diversos momentos desta 25ª edición e unha selección de fotos da Voda da Pita cedidas por Raquel Carreira.

Seguir lendo

Oleiro 2023

Tarde espectacular, case primaveral, de olas, música e xogos nas Eiroás. Xa pasaba das 5 da tarde cando as Pitas e os músicos facían a entrada na praza das Eiroás levando o carro coas olas pintadas o día anterior polas nenas e polos nenos das Eiroás amais dos obradoiros realizados na Escola amiga deste 2023, o CEIP Mestre Vide e no Centro Comercial Ponte Vella algúns días antes.

A Pita lucía unha nova fita branca, querendo reflexionar sobre a necesidade que sigue tendo a nosa sociedade de darlle umha oportunidade á paz, amais de lembrar as batas brancas do persoal sanitario, que sigue vendo como se incrementan os recortes cada ano.

Mentres as olas voaban pola praza, na procura dunha man amiga que as apañara antes de escacharen no chan, as mozas e mozos máis xoves xogaban con globos e mesmo probaban algunha ola, por ir afacéndose ao tacto. Cara o fin da xornada, e antes de comezar a última roda, foi o Manolo Guimarey (o mesmo neto do Antonio Guimarey) quen propuxo salvar esa última ola e que fora a primeira da vindeira edición, no 2024. E así quedou instaurado, quen sabe se un novo costume da nosa festa.

Velaquí algunhas imaxes da xornada.

Seguir lendo

Fareleiro 2023

O domingo 5 arrincaba o Entroido nas Eiroás e en todo o termo municipal de Ourense. Facíao xa pola mañá, coa chegada do Meco á praza para proceder á posterior recepción por parte das autoridades do barrio Acompañaban ao encargado de presidir a praza nas vindeiras semanas, os seus asesores de imaxe e un nutrido grupo de veciñas e veciños que non quixeron perderse evento de tanto glamour. Foi un espectáculo ver con que gracianatural trepaba pola farola para encaramarse ao máis alto da praza e ocupar o lugar de honra que ben merece tan alta distinción..

Xa de tarde, o sol non quixo perderse este inicio dun Entroido que volta -porfin- sen protocolos nin limitacións. Velaquí algunhas imaxes da xornada.

Seguir lendo

Programa da festa 2023

Agora si, xa sen máscaras nin limitacións de aforo, chega o Entroido a Ourense. E un ano máis, o barrio das Eiroás inaugura o Entroido e unha nova edición da Festa da Pita coa celebración do Domingo Fareleiro.

Así, o vindeiro domingo día 5 dará comezo comezo a festa. A 25ª edición da Festa da Pita conta coas benzóns e as licencias oportunas das autoridades do barrio, que agardan pola chegada do Meco pouco antes do xantar do domingo, para dar saída á celebración do Entroido en todo o termo municipal. Alén da participación nos desfiles da cidade (o día 19) e do CEIP Virxe de Covadonga (o día 17) e doutras actividades promocionais e divulgativas, o programa deste ano nas Eiroás é o seguinte:

Seguir lendo

Domingo Fareleiro 2021

O 31 de xaneiro de 1999 botaba a andar a Festa da Pita. Sobre a base do Entroido, disque froito dunha cinzarrada, que se celebrara no barrio medio século atrás, decidimos comezar con unha proposta adaptada aos tempos, na procura de conformar un novo elemento identitario para o barrio, amais de ampliar a oferta cultural e lúdica. Casualidades da vida, 22 anos despois, atopámonos con este reto de non deixar de celebrar unha festa -que en si mesma é unha explosión dos sentidos- sen sentirnos perto. E facémolo no ano no que o programa marca as mesmas datas que aquela primeira edición. Seguir lendo

Martes de Entroido 2020

A mañá do martes veu con certa timidez, deixando caír algo de auga por momentos e provocando que tiveramos que activar un plan B a última hora para poder levar a cabo a Voda da Pita sen problemas de seguridade derivados da sonorización do evento. Así as cousas, tivo que chegar o ano no que non demos cumprido a puntualidade eiroasense (que xa lle disputaba prestixio á puntualidade inglesa) no inicio da Voda da Pita ás 13 h.
A xornada comezaba despois das 11.30 h. con unha ruada de Pitas e músicos polo barrio, anunciando a chegada do día grande. Un cuarto de hora despois da 1 do mediodía daba comezo a representación teatral popular que, en ton satírico, rememora como foron as orixes da nosa festa, amais de lembrar, con moito agarimo e respecto ás 2 persoas que protagonizaran aquela cinzarrada na metade do século pasado. Desde que comezamos coa celebración actual da Festa da Pita, o Antonio e a Gumersinda levan casando 21 anos, dun xeito desenfadado e con moitos símbolos no argumento que procuran unha reconciliación co pasado, fechando as feridas existentes na procura dun futuro mellor para a comunidade. Seguir lendo

A fin de semana

Ao longo da fin de semana participamos en distintos actos, dentro e fóra do barrio. O venres ás 12 do mediodía, as Pitas formaban parte do Desfile do CEIP Virxe de Covadonga. Un pouco máis tarde, ás 20.30 h., percorrían a cidade vella de Ourense xunto ao Entroido de Seixalbo e ao Frei Canedo.

O sábado tiña lugar a despedida de solteiría da Gumersinda e do Antonio, através dun folión que percorre o barrio anunciando que xa queda pouco para o Martes de Entroido (xa máis coñecido entre nós como o luscofusco).

E o domingo, abríamos un ano máis o Desfile de Ourense. Velaquí un video do desfile escolar e algunhas fotos destes momentos, nomeadamente do domingo

Seguir lendo

Domingo Oleiro 2020

Moi boa tarde de olas, música e xogos nas Eiroás, que a choiva respectou até o fin da xornada. Eran ao redor das 5 da tarde cando as Pitas e os músicos facían a entrada na praza das Eiroás levando o carro coas olas pintadas o día anterior polas nenas e polos nenos das Eiroás amais dun obradoiro realizado no CEIP Virxe de Covadonga algúns días antes.

A Pita lucía unha nova fita vermella, chamando a atención sobre a necesidade de crer en proxectos comúns fundamentados no diálogo e non na confrontación.

Mentres as olas voaban pola praza, na procura dunha man amiga que as apañara antes de escacharen no chan, as mozas e mozos máis xoves xogaban con globos e mesmo probaban algunha ola, por ir afacéndose ao tacto. Xa con todas as olas escachadas, os anacos de barro cocido tiveron un novo uso, creando espazos de xogo sobre o chan da praza. Velaquí algunhas imaxes da xornada. Seguir lendo

Farelou nas Eiroás

A chegada dun frente cálido polo sul trouxo consigo un lixeiro ascenso das temperaturas, o que provocou unha xornada vespertina ben agradable nas Eiroás. Aínda por determinar se o que caiu no barrio ourensán era farelo ou partículas de area en suspensión procedentes do norte de África, o caso é que así decorreu o  Domingo Fareleiro nas Eiroás. A xornada comezaba xa de mañá coa chegada do Meco e a habitual recepción por parte das autoridades do barrio. Acompañaban ao encargado de presidir a praza os seus asesores de imaxe e un nutrido grupo de veciñas e veciños que non quixeron perderse evento de tanto glamour. Foi un espectáculo ver con que gracianatural trepaba pola farola para encaramarse ao máis alto da praza e ocupar o lugar de honra que ben merece tan alta distinción. Seguir lendo

Programa 2020

Chega o Entroido á cidade de Ourense. E faino, un ano máis, no barrio das Eiroás coa celebración do Domingo Fareleiro, que abre unha nova edición da Festa da Pita (que xa suma 22 edicións). Mañá día 9, dará comezo comezo a festa, contando coas benzóns e as licencias oportunas das autoridades do barrio e sabendo que este ano o Meco contará coas veciñas e veciños do barrio como asesores de imaxe. Será pouco antes do xantar, cando deamos saída á celebración do Entroido en todo o término municipal do concello de Ourense. Para alén da participación no desfile da cidade, o día 23, no desfile do CEIP Virxe de Covadonga, o día 21 ou doutras actividades promocionais e divulgativas, o programa deste ano nas Eiroás segue a tónica das edicións anteriores, consistindo no seguinte: Seguir lendo