Os migrantes na fita do 2019

A cor escollida para engadir á perfura daquelas Pitas que corran o Entroido deste ano 2019 é o AZUL “europea”. Con esta cor queremos reflexionar sobre as migracións masivas de persoas que chegan das rexións máis empobrecidas e con maior número de conflitos bélicos do planeta, provocados pola usurpación que facemos dos seus recursos e polos golpes de Estado promovidos polos “países ricos”, e que están convertindo o Mediterráneo na grande foxa común da vergoña.

Estamos deixando morrer ás nais, aos pais, irmás e irmáns de quenes van conformar a cidadanía da futura Unión Europea.

Se non queremos que as nosas fillas e os nosos fillos teñan que avergoñarse e renegar de nós dentro de 2 ou 3 décadas, por ter deixado morrer a milleiros de nenas e nenos na porta das nosas casas, imos ter que ir poñéndonos as pilas e reorganizar a orde de prioridades na xestión do público, situando o dereito á vida por enriba da protección ao sistema financeiro.

Podes consultar aquí as cores de todos os anos.

Programa 2019

Velaí ven o Entroido. E -como non- nas Eiroás chega unha nova edición da Festa da Pita, que xa suma 21 edicións. Este ano, a primeira lúa da primavera fai que vaiamos gozar dun Entroido un chisco máis serodio do habitual e -ben seguro- con moita máis gana de festa. Arrinca a festa o domingo 17, contando coas benzóns e as licencias oportunas das autoridades do barrio e sabendo que este ano o Meco contará coas veciñas e veciños do barrio como asesores de imaxe. Pero iso será o domingo, pouco antes do xantar, cando deamos saída á celebración do Entroido en todo o término municipal do concello de Ourense. Para alén da participación no desfile da cidade ou doutras actividades promocionais e divulgativas, o programa deste ano nas Eiroás segue a tónica das edicións anteriores, consistindo no seguinte: Seguir lendo

Martes de Entroido

Queriades auga? Pois velaí foi, para regar unha terra que xa nin lembra onde quedaron a metade dos nacentes das súas fontes. Disque “en martes e trece nin te cases nin te embarques“, pero nas Eiroás atrevímonos a casar e -a pouco máis- tivemos que embarcar coa cantidade inxente de auga que se acumulou na praza. Así a todo, alá vai unha nova edición da Voda e da festa. 20 anos botando foguetes que dan para moito, para bos momentos e para momentos aínda mellores.
Arrincaba a xornada sen poder facer o percorrido polo barrio, por causa da moita choiva que caía antes do mediodía. Soaban os teléfonos perguntando se ía haber Voda da Pita, e a resposta era sempre a mesma: “Nunca deixou de facerse”. Seguir lendo

Domingo Oleiro

Este pasado domingo, un ano máis, chegaban as olas á praza das Eiroás da man das Pitas. Estas -ademais- eran as encargadas de xogar a primeira ola e ir introducindo o xogo entre as persoas asistentes.
Nesta ocasión, non temos moitas imaxes da xornada. De todos xeitos, queremos compartir con vós estas poucas.

Seguir lendo

Volveu farelar nas Eiroás

Así foi o Domingo Fareleiro nas Eiroás. A xornada comezaba xa de mañá coa chegada do Meco e a habitual recepción por parte das autoridades do barrio. Acompañaban ao encargado de presidir a praza os seus asesores de imaxe, que neste ano foron os membros da familia Pérez González e un nutrido grupo de veciñas e veciños que non quixeron perderse evento de tanto glamour. Foi un espectáculo ver con que gracianatural trepaba pola farola para encaramarse ao máis alto da praza e marcar a saída da vixésima edición da Festa da Pita. Seguir lendo

Programa 2018

3,2,1… e 20. Vinte edicións da Festa da Pita son as que se levan celebrado no barrio ourensán das Eiroás. E aínda que as condicións nos últimos anos semella que empioran por momentos, debido nomeadamente aos atrancos da Administración, o noso barrio segue ocupando un espazo dentro do ciclo do Entroido. Vindeiro domingo arrinca, pois, esta vixésima edición, contando coas benzóns e as licencias oportunas das autoridades do barrio e sabendo que este ano o Meco repetirá asesores de imaxe da man da familia Perez-González. Pero iso será o domingo, pouco antes do xantar, cando deamos saída á celebración do Entroido en todo o término municipal do concello de Ourense. Para alén da participación no desfile da cidade ou das actividades programadas en diversos centros de ensino, o programa deste ano nas Eiroás segue a tónica das edicións anteriores, consistindo no seguinte: Seguir lendo

Cartaz do 20º aniversario

Xa pasaron 15 anos desde que a imaxe da nosa festa é produto da creación dun artista ourensán, medrando a colección das visións gráficas coas que pintores, deseñadores, ilustradores… nos agasallan cada ano. Este 2018 é un ano especial, pois a Festa da Pita chega á súa 20º aniversario. Foi por isto que demos un pequeno salto, procurando -apartir da presente edición- a implicación de artistas do panorama galego. Así, contamos nesta edición coa colaboración de María Piensos, pintora pop e colorista coruñesa, especialista en Action-Painting e Performance con un amplo currículo e unha extensa obra, que nos achega unha particular visión de máscara.

Podedes ver aquí todos os carteis das edicións anteriores.
Moitas grazas, María, pola túa desinteresada colaboración.

Martes de Entroido

martes2017_115Alá foi outra edición da festa. Xa son 19 anos botando foguetes e tentando crear/recuperar unha identidade cultural, festiva e lúdica para o noso barrio. Malia as condicións meteorolóxicas non axudaron nada, podemos facer unha valoración positiva sobre a participación no global da festa.
No que atinxe ao día grande, a choiva e o vento, presentes durante toda a mañá nas Eiroás, axudáronnos a decidir a mesma ubicación do ano anterior para a cerimonia do Martes. Desta non cumpriu verniz hidrófugo, malia unha das tres partes da nosa Trindade chegouse a sentir tocado polo tempo en varias ocasións. Seguir lendo

Así foi o Domingo Oleiro

oleiro2017_26Xa ten chovido algo desde aquela primeira edición na que un pequeno grupo de veciñas e veciños do barrio, acompañados polos amigos da xa tristemente desaparecida Agrupación Folclórica Foula, xogaban até escachar as 6 olas de barro e algunha que outra cunca do mesmo material.
Onte, 18 anos despois daquel 7 de febreiro do 1999, eran 60 as olas chegadas do Alto do Couso que protagonizaron unha xornada soleada e moi agradábel na praza das Eiroás.

Acompañáronnos algúns mozos e mozas das novas Escolas amigas da Pita e a Charanga Os Chispas, que amenizou musicalmente a tarde. Gozamos pois dun bon ambiente, dun clima desenfadado e das primeiras mascaradas que se puideron ver polo barrio.
Seguir lendo

Domingo Oleiro

olas-2017

Hoxe domingo poderemos ver as primeiras Pitas nas Eiroás. Estas máscaras máis madrugadoras serán as encargadas de achegar o carro das olas á praza, onde terá lugar o xogo que centra a actividade da xornada de hoxe no barrio. Este ano contaremos con olas decoradas por escolares das novas Escolas amigas da Pita: CEIP Manuel Luis Acuña e CEIP O Couto, ademáis das mozas e mozos das Eiroás. Nos vindeiros días, iremos subindo ao apartado das escolas amigas un resumo de imaxes das visitas a estes centros.

Será apartir das 5 da tarde cando o carro das olas entre na praza, acompañado das Pitas e da Charanga Os Chispas, que amenizará o xogo de pequenos e maiores ao longo da tarde.

COR DA FITA

A cor escollida neste 2017 para pendurar do broche das fitas é o MARRÓN, co que queremos chamar a atención sobre a importancia das migracións humanas e do diálogo intercultural para a evolución e a mellora da especie. Marrón porque nos acerca aos ciclos vitais, á terra, á natureza… lémbranos cuais son as nosas raíces, as nosas orixes e fainos recapacitar cobre as pouquísimas cousas que en realidade son imprescindibles e necesarias. Seguir lendo