Exposición sobre máscaras europeas

affiche-web

Entre os días 2 e 11 de decembro, o Espazo Cultural das Artes da máscara, situado no distrito 19 parisino, acollerá a segunda edición do proxecto intercultural “Máscaras e carnaval”.

A exposición presentará diversas festas de máscaras europeas localizadas en distintos puntos de Franza, Inglaterra, Italia ou Eslovenia, así como Catalunya e Galiza dentro do Estado español.

Na mostra terán unha especial relevancia os artesáns e creadores de máscaras, propoñéndolle ao público francés a descuberta dos obradoiros onde se realizan carautas e máscaras con materiais tan diferentes como a madeira, o metal, a pel, o feltro, o papel, o estuque, o papel-maché ou o papel prensa. No que atinxe ás máscaras galegas, haberá espazos para o Peliqueiro de Laza, o Cigarrón de Verín, a Pantalla de Xinzo de Limia, a Pita das Eiroás (Ourense) e o Volante e o Peliqueiro do Entroido Ribeirao de Santiago de Arriba (Chantada). Seguir lendo

O ensino público no broche da Pita

IMG_3947O vindeiro domingo poderemos ver as primeiras Pitas nas Eiroás. Estas primeiras máscaras serán as encargadas de levar o xa habitual carro das olas até a praza, onde terá lugar o xogo que centra a actividade deste Domingo Oleiro no noso barrio. Este ano contaremos con olas decoradas por escolares das novas Escolas amigas da Pita: CEIP As Mercedes, CEIP Curros Enríquez e CEIP Manuel Sueiro, ademáis das mozas e mozos das Eiroás.

Estaremos acompañados da Charanga Os Chispas e, ao rematar nas Eiroás, imos levar a “proba das olas” ao centro da cidade, concretamente á praza do Correxedor, onde temos programado o concerto do grupo A Troba do bugallo, despois de estrear a céntrica praza como espazo de xogo para as nosas olas.

COR DA FITA

A nova cor que pendurará do broche da Pita neste ano 2016 será a VERDE CLARA, coa que queremos facer fincapé na defensa do ensino público, despois de ter sido unha das propostas de cor nos últimos anos e ante a continuidade dun modelo que semella ir encamiñado cara a precarización dos servizos públicos e de calidade.

Nos últimos anos vimos sufrindo con cada mudanza no governo a elaboración dunha lei educativa diferente leis que nos achegan cada vez máis á “escola da ignorancia”.

É importante lembrar que o ensino público é o único que garante a educación en igualdade entre homes e mulleres, o verdadeiramente intercultural e realmente aberto; o que mira cara adiante sen medo e para ben. É o que non serve de distincións caducas baseadas na clase social, o lugar de orixe ou a relixión para se distinguir. É ademáis o que conta con máis e mellores profesionais e recursos para o seu alumnado. Por estes motivos nos sumamos á defensa do ensino público, posto que o este é o modelo que promove o dereito fundamental e democrático dunha educación universal gratuita e de calidade, baseada nos valores do progreso e na xustiza social.

Podedes ver aquí todas as cores que penduran do broche de coiro da nosa máscara, así como o ano e os motivos que representan.

Olas no Correxedor

olascorrexedorVindeiro domingo 31 terá lugar o Domingo Oleiro nas Eiroás. E nesta edición queremos dar un paso máis á hora de compartir a nosa festa coas veciñas e veciños do resto da cidade.

Cando no ano 1999 botabamos a andar coa Festa da Pita, procurando incardinar o programa da nova festa dentro do ciclo tradicional galego, atendiamos a diversos etnógrafos como Taboada Chivite que indicaban que o xogo das olas tiña lugar na cidade de Ourense o Domingo Corredoiro ou o Xoves de Comadres. Foi este un dos principais motivos polos que nas Eiroás celebramos este domingo e -xunto a Seixalbo- seguimos facendo boas as palabras do etnógrafo verinés.

Hoxe, 17 edicións máis tarde, queremos levar algunhas olas directamente desde a praza das Eiroás até a praza do Correxedor. Non é máis ca unha proba, un chiscar de ollos para convidar á veciñanza da cidade a probar o xogo que vai protagonizar a xornada do domingo 31 nas Eiroás.

E farémolo coa colaboración do Café Cultural Auriense e do grupo A Troba do bugallo, que nos ofrecerán un concerto festivo despois das 8 e media do serán. Seguir lendo

Farelou nas Eiroás

fareleiro2016_17Así foi o Domingo Fareleiro nas Eiroás, que comezaba a xornada xa de manhá coa chegada do Meco e a habitual recepción das autoridades. Acompañaban ao encargado de presidir a praza os seus asesores de imaxe, que neste ano foron a familia Gutiérrez López e un nutrido grupo de veciñas e veciños que non quixeron perderse evento de tanto glamour.

Xa despois do xantar, puidemos gozar dunha tarde mui pouco propia do tempo do ano no que estamos, o que propiciou que mañá se podan comer croquetas en algún que outro fogar dos arredores. Eis algunhas imaxes da xornada: Seguir lendo

Programa 2016

martes_entroido_374Imos aló. Un chisco máis cedo ca de costume, bota a andar una nova edición da Festa da Pita (a 18ª). Xa as autoridades do barrio nos deron as licencias oportunas e contan que este ano o Meco chegará da man do asesoramento da familia Gutiérrez-López. Pero iso será mañá, pouco antes do xantar, cando deamos saída á celebración do Entroido en todo o término municipal do concello de Ourense. O programa deste ano é o seguinte: Seguir lendo

Martes de Entroido 2015

martes_entroido_2015Mantívose despexada toda a xornada do Martes de Entroido nas Eiroás. Despexada e cun certo airiño fresco que nos vai axudar a manter a pel tersa e suave como adoitamos por estes lares.

Un ano máis, comezaba o Martes xa de mañá cun percorrido de músicas e máscaras polo barrio anunciando a chegada do día grande e convocando á veciñanza na Praza das Eiroás onde, puntualmente á 1 da tarde, tiña lugar a Voda da Pita, que non quixeron perderse diversos convidados especiais, tais como Pablo Iglesias, o pequeno Nicolás ou o presidente da Asociación de Políticos Corruptos.

Despois veu o xantar popular, o Pita Chef (unha pequena mostra do que pode ser un concurso que se repita en posteriores edicións) e, xa pola tarde, o baile de máscaras e concurso de disfraces, que se foi animando máis e máis conforme ía avanzando o día até rematar despedindo o Entroido do xeito que vimos facendo nas Eiroás desde hai 17 anos, é dicer, queimando o Meco que, este ano contou co asesoramento de imaxe das familias Sánchez-Morenza e Portela-Álvarez. Eis unha extensa reportaxe gráfica da xornada:

Seguir lendo

Unha ducia de Pitas

cartaz_expoNos últimos 12 anos, a Festa da Pita contou coa colaboración de diversos artistas e deseñadores ourensáns, que aportaron a súa visión particular da festa e da máscara no cartel que promocionaba cada ano o Entroido deste barrio ourensán. Estes traballos conforman hoxe un abano heteroxéneo da iconografía do noso Entroido e unha mostra de interese artístico. Os carteis e os nomes dos autores (a quenes seguimos enormemente agradecidos) podedes velos neste apartado do web .

A mostra lévase adiante froito dun convenio de colaboración asinado entre o Centro Deportivo Serviocio Ourense e a Asociación das/os Amigas/os da Pita, e inclúe un programa de actividades que achegan o Entroido d’As Eiroás aos usuarios deste centro. Seguir lendo

Oliñas veñen e van

oleiro2015-13Un ano máis, as olas escacharon na praza das Eiroás. Unha tarde de domingo fría pero soleada permitiu que a veciñanza puidera achegarse á praza para participar desta xornada lúdica; iso si, máis como espectadores que como participantes do xogo.

Gozamos pois dun bon ambiente, desenfado e as primeiras mascaradas que se puideron ver no barrio.

Este ano, as olas estaban decoradas por escolares do CPR Divino Maestro e por nenas e nenos do barrio, que se achegaron até o local social na tarde do sábado.

Como de costume, foron as primeiras Pitas do ano as que trouxeron o carro das olas até a praza. E fixérono lucindo a fita pola liberdade de expresión que representa ao ano 2015, ademáis de seren as encargadas de abrir o tradicional xogo das olas.

Despois, olas grandes, olas pequenas e globos de auga voaron e escacharon no chan, mentres soaba a Charanga Os Chispas, que lle aportou a sonoridade e a musicalidade a esta fermosa tarde. Eis algunhas imaxes das xornadas do sábado e do domingo: Seguir lendo

Decorando as olas

IMG_0342Chega o Domingo Oleiro e -como ven sendo costume- abrimos un espazo para a decoración das olas por parte dos veciños máis mozos. Neste ano contamos coa axuda dos escolares do CPR Divino Maestro, que deseñaron e pintaron unha parte das olas que se van escachar mañá domingo na praza das Eiroás.

O pasado xoves, unha representación da nosa asociación visitou este centro, en compañía da concelleira de Educación e Cultura, Ana Garrido para recoller estas olas e posteriormente -o venres- para realizar unha presentación da nosa festa. Seguir lendo

Así foi o Fareleiro

fareleiro2015-60Este ano tocou choiva. E frío. Malia as circunstancias adversas, demos por iniciado o noso particular ciclo do Entroido, que inauguramos un ano máis pola mañá coa recepción do Meco por parte das autoridades do barrio. Un Meco que este ano contaba cun amplo equipo de protocolo e asesoramento formado polas familias Sánchez-Morenza e Portela-Álvarez.

Xa de tarde, pouco tempo houbo para a propia actividade do día. Aínda así, animados pola Charanga Os Caliqueños e polas ganas de Entroido que xa se deixaban ver, desenvolveuse a xornada entre un pingueiras de choiva e baixadas térmicas. Eis unhas fotos da mesma: Seguir lendo