
Asoc. Autismo Ourense
Ao longo destes 21 anos de festa fomos visitando unha morea de centros de ensino, asociacións e outros espazos lúdicos, divulgativos e culturais do país para falar do Entroido e do programa de dinamización socio-cultural que supuxo a recuperación e a nova identidade da Festa da Pita. Despois de máis dun cento de visitas, imos vendo como as persoas que asisten ás presentacións (nomeadamente nenas e nenos) van sabendo máis da nosa festa e da nosa máscara ca nós mesmos.
Nos últimos anos, fomos sabedores de distintas iniciativas das que gostamos muito e dalgunha que mesmo nos emocionou. Cada ano suman un bon número os centros de ensino de diversos puntos do país que contactan con nós ou que deciden pescudar información pola súa conta para desenvolver intervencións relacionadas coa nosa festa ou coa nosa máscara.

CEIP de Rebordáns
No presente ano, á parte das visitas que realizamos a varios centros de ensino ourensáns (como o CEIP do Couto, As Mercedes o CPR Miraflores, Salesianos ou Covadonga-As Eiroás), queremos chamar a atención sobre o traballo desenvolvido na Asociación Autismo Ourense, onde confeizoaron diversas versións dalgunhas máscaras do Entroido ourensán e no CEIP de Rebordáns, de Tui, onde prepararon unha exposición sobre a festa, con materiais incluidos, moi completa. Mesmo no seu web podedes ver algumhas imaxes de nenas e dos nenos do centro con distintas manualidades da nosa máscara.
Conscientes de que este traballo só é posíbel cando existe implicación e ganas de traballar por parte dalgunha ou dalgunhas persoas do centro, queremos recoñecer esta labor investigadora e pedagóxica, así como o compromiso desas persoas que -desde o anonimato- fan tanto polo noso patrimonio… traballan tanto pola educación de todas e de todos.
Grazas, amigas e amigos!
Filed under: Uncategorized | Tagged: antroido,carnaval,eiroás,entroido,escolas,festa da pita | Leave a comment »