Farelou nas Eiroás

A chegada dun frente cálido polo sul trouxo consigo un lixeiro ascenso das temperaturas, o que provocou unha xornada vespertina ben agradable nas Eiroás. Aínda por determinar se o que caiu no barrio ourensán era farelo ou partículas de area en suspensión procedentes do norte de África, o caso é que así decorreu o  Domingo Fareleiro nas Eiroás. A xornada comezaba xa de mañá coa chegada do Meco e a habitual recepción por parte das autoridades do barrio. Acompañaban ao encargado de presidir a praza os seus asesores de imaxe e un nutrido grupo de veciñas e veciños que non quixeron perderse evento de tanto glamour. Foi un espectáculo ver con que gracianatural trepaba pola farola para encaramarse ao máis alto da praza e ocupar o lugar de honra que ben merece tan alta distinción. Seguir lendo

Programa 2020

Chega o Entroido á cidade de Ourense. E faino, un ano máis, no barrio das Eiroás coa celebración do Domingo Fareleiro, que abre unha nova edición da Festa da Pita (que xa suma 22 edicións). Mañá día 9, dará comezo comezo a festa, contando coas benzóns e as licencias oportunas das autoridades do barrio e sabendo que este ano o Meco contará coas veciñas e veciños do barrio como asesores de imaxe. Será pouco antes do xantar, cando deamos saída á celebración do Entroido en todo o término municipal do concello de Ourense. Para alén da participación no desfile da cidade, o día 23, no desfile do CEIP Virxe de Covadonga, o día 21 ou doutras actividades promocionais e divulgativas, o programa deste ano nas Eiroás segue a tónica das edicións anteriores, consistindo no seguinte: Seguir lendo

Cartel da Festa da Pita 2020

O pintor da Merca, José Manuel Sánchez, asina a imaxe da Festa da Pita 2020. O cartel é unha acuarela que forma parte da mostra “As caras do Entroido ourensán”. Na obra, Sánchez amosa a súa visión particular dunha máscara das Eiroás abrindo as ás sobre un fondo azul e branco.

Moitas grazas, José Manuel, pola túa colaboración.

Se queredes, podedes ver aquí os carteis doutras edicións. Nos vindeiros días, subiremos o programa da festa do presente ano.

Programa 2019

Velaí ven o Entroido. E -como non- nas Eiroás chega unha nova edición da Festa da Pita, que xa suma 21 edicións. Este ano, a primeira lúa da primavera fai que vaiamos gozar dun Entroido un chisco máis serodio do habitual e -ben seguro- con moita máis gana de festa. Arrinca a festa o domingo 17, contando coas benzóns e as licencias oportunas das autoridades do barrio e sabendo que este ano o Meco contará coas veciñas e veciños do barrio como asesores de imaxe. Pero iso será o domingo, pouco antes do xantar, cando deamos saída á celebración do Entroido en todo o término municipal do concello de Ourense. Para alén da participación no desfile da cidade ou doutras actividades promocionais e divulgativas, o programa deste ano nas Eiroás segue a tónica das edicións anteriores, consistindo no seguinte: Seguir lendo

Martes de Entroido

Queriades auga? Pois velaí foi, para regar unha terra que xa nin lembra onde quedaron a metade dos nacentes das súas fontes. Disque “en martes e trece nin te cases nin te embarques“, pero nas Eiroás atrevímonos a casar e -a pouco máis- tivemos que embarcar coa cantidade inxente de auga que se acumulou na praza. Así a todo, alá vai unha nova edición da Voda e da festa. 20 anos botando foguetes que dan para moito, para bos momentos e para momentos aínda mellores.
Arrincaba a xornada sen poder facer o percorrido polo barrio, por causa da moita choiva que caía antes do mediodía. Soaban os teléfonos perguntando se ía haber Voda da Pita, e a resposta era sempre a mesma: “Nunca deixou de facerse”. Seguir lendo

Desfilando por Ourense

A xornada do Domingo de Entroido comezaba ameazando con choiva que, por momentos, se facía máis forte. Aínda así, as ganas e as intencións de todas as persoas participantes no Desfile de Ourense non ían permitir que unha pouca auga lles impedira realizar o xa habitual percurso desde As Lagoas até a Praza maior.
Minguadas polos virus, as Pitas tamén acudiron -un ano máis- a este desfile, co que suman xa 17 anos encabezando o desfile da capital do Entroido.
E, por certo, recado para quen corresponda: se a praza Maior se fai pequena, haberá que ir pensando noutra ubicación, ou? Que o concello de Ourense abrangue máis territorio do que as 8 rúas do centro da cidade. A dificultade de deixar as comparsas, do acceso á praza, mesmo das saídas… Cada ano faise máis difícil ter que convivir cos novos “atrancos” que se crean desde a Administración sen aportar solucións que cheguen ao mesmo tempo.
Velaquí algunhas imaxes do día: Seguir lendo

Volveu farelar nas Eiroás

Así foi o Domingo Fareleiro nas Eiroás. A xornada comezaba xa de mañá coa chegada do Meco e a habitual recepción por parte das autoridades do barrio. Acompañaban ao encargado de presidir a praza os seus asesores de imaxe, que neste ano foron os membros da familia Pérez González e un nutrido grupo de veciñas e veciños que non quixeron perderse evento de tanto glamour. Foi un espectáculo ver con que gracianatural trepaba pola farola para encaramarse ao máis alto da praza e marcar a saída da vixésima edición da Festa da Pita. Seguir lendo