Martes de Entroido

IMGP6381Nin a choiva nin as ordes ministeriais puideron coa festa. O Martes de Entroido poñía -un ano máis- punto e á parte á Festa da Pita. Un día que comezaba pola mañá cun percorrido de músicas e máscaras polo barrio anunciando a chegada do día grande e convocando á veciñanza na Praza das Eiroás onde, un pouco máis tarde do habitual, tiña lugar a Voda da Pita, cargada este ano de convidados especiais e mesmo dalgunha sorpresa. A Infanta Cristina ou o intérprete de lingua de signos nos funerais de Mandela facíanse sitio nunha representación que -despois de todo o falado nas última semanas sobre a Orde Ministerial que regulaba o uso do uniforme de garda-civil- contou con dous axentes a falta de un. Chegaba así até As Eiroás un axente da Benemérita para reclamar o cumprimento da nova Orde e multar á personaxe que tradicionalmente ten o seu papel na representación, requisándolle o traxe e provocando que seguira a obra en panos menores. Estade atentas/os, porque nas vindeiras semanas, subiremos a representación completa para quen non puido asistir ou lle colleu medo á auga.

Despois veu o xantar e, xa pola tarde, o baile de máscaras e concurso de disfraces, que se foi animando máis e máis conforme ía avanzando o día até rematar despedindo o Entroido do xeito que vimos facendo nas Eiroás desde hai 16 anos, é dicer, queimando o Meco (Meca, este ano). Eis as imaxes dalgúns momentos da xornada: Seguir lendo

A voda da Pita

CIMG1453Hai unhas semanas sorprendeunos a última nova chegada desde Madrid limitando dun xeito taxante (por non empregar outra expresión) os usos do uniforme de garda-civil. Despois dun primeiro momento no que ninguén podía crer que este regulamento fora verdade (como se non houbera cousas das que ocuparse ben máis importantes e urxentes), fomos encaixando pouco a pouco a OM 77/2014, con pesar -polo que parece representar- mais tamén con humor.

Dentro da Voda da Pita, que celebramos o Martes de Entroido na praza d’As Eiroás, o personaxe do garda-civil constitúe pouco o símbolo daquela autoridade que detivo a festa en máis dunha ocasión (nos anos 60) e que coa chegada da democracia (representada na propia obra polas Pitas, símbolo da festa recuperada), se reconcilia e participa co pobo da súa vida e das súas celebracións.

Ante este panorama, comezaron as propostas de “renovación” do personaxe mentres -de xeito paralelo- solicitamos a autorización para o uso do uniforme de garda-civil na nosa obra, atendendo ao artigo 7.3 da Orde Ministerial.

Non sabemos aínda que nos van respostar, nin siquer sabemos se nos van respostar… Nin está claro aínda o que pasará co garda-civil o Martes. O que si temos claro, é que a voda vai ter lugar -como sempre- ás 13 horas do vindeiro martes de Entroido, e este ano aínda cun pouco máis de ganas.

Agardamos que non se lles dea tamén por prohibir tamén os uniformes de médicos, militares, enfermeiras/os e curia, porque entón ou acaban co Entroido ou acabamos nós con eles. Aquí vos deixamos un teaser da voda, gravado no ensaio do pasado fin de semana.