Martes de Entroido

martes2017_115Alá foi outra edición da festa. Xa son 19 anos botando foguetes e tentando crear/recuperar unha identidade cultural, festiva e lúdica para o noso barrio. Malia as condicións meteorolóxicas non axudaron nada, podemos facer unha valoración positiva sobre a participación no global da festa.
No que atinxe ao día grande, a choiva e o vento, presentes durante toda a mañá nas Eiroás, axudáronnos a decidir a mesma ubicación do ano anterior para a cerimonia do Martes. Desta non cumpriu verniz hidrófugo, malia unha das tres partes da nosa Trindade chegouse a sentir tocado polo tempo en varias ocasións. Seguir lendo

Advertisements

Farelou nas Eiroás

fareleiro2016_17Así foi o Domingo Fareleiro nas Eiroás, que comezaba a xornada xa de manhá coa chegada do Meco e a habitual recepción das autoridades. Acompañaban ao encargado de presidir a praza os seus asesores de imaxe, que neste ano foron a familia Gutiérrez López e un nutrido grupo de veciñas e veciños que non quixeron perderse evento de tanto glamour.

Xa despois do xantar, puidemos gozar dunha tarde mui pouco propia do tempo do ano no que estamos, o que propiciou que mañá se podan comer croquetas en algún que outro fogar dos arredores. Eis algunhas imaxes da xornada: Seguir lendo

Martes de Entroido 2015

martes_entroido_2015Mantívose despexada toda a xornada do Martes de Entroido nas Eiroás. Despexada e cun certo airiño fresco que nos vai axudar a manter a pel tersa e suave como adoitamos por estes lares.

Un ano máis, comezaba o Martes xa de mañá cun percorrido de músicas e máscaras polo barrio anunciando a chegada do día grande e convocando á veciñanza na Praza das Eiroás onde, puntualmente á 1 da tarde, tiña lugar a Voda da Pita, que non quixeron perderse diversos convidados especiais, tais como Pablo Iglesias, o pequeno Nicolás ou o presidente da Asociación de Políticos Corruptos.

Despois veu o xantar popular, o Pita Chef (unha pequena mostra do que pode ser un concurso que se repita en posteriores edicións) e, xa pola tarde, o baile de máscaras e concurso de disfraces, que se foi animando máis e máis conforme ía avanzando o día até rematar despedindo o Entroido do xeito que vimos facendo nas Eiroás desde hai 17 anos, é dicer, queimando o Meco que, este ano contou co asesoramento de imaxe das familias Sánchez-Morenza e Portela-Álvarez. Eis unha extensa reportaxe gráfica da xornada:

Seguir lendo

Chega o Domingo Fareleiro do 2013

fareleiro 2010Xa volta a chamar o Entroido na porta. E ven con frío este ano, así que haberá que facer un esforzo extra nas carreiras e danzas precisas para combatilo.

Tal e como é habitual n’As Eiroás, o ciclo comeza co Domingo Fareleiro, que coincide neste ano o vindeiro domingo 27, sendo a praza principal do barrio -un ano máis- a testemuña das primeiras fareladas e bailes da festa.

Ademáis, este día aproveitamos tamén para recibir o Meco, que chega por volta do mediodía á devandita praza.

27 de xaneiro.- Domingo Fareleiro
Pola mañá: Colga do meco
Desde as 5 da tarde, máis ou menos: o farelo e a fariña serán os protagonistas na Praza d’As Eiroás. Actuación da Charanga NOVA TERRA.

//

Así foi o Día grande

E rematou unha nova edición da Festa da Pita. E van 13. Mesmo sentimos algo de vértixe ao pensar na primeira ou nas primeiras edicións, no ano 1999 e nas numerosas anécdotas, traballos, loitas, noites no local social, conversas cos veciños e coas veciñas que participaran no entroido (daquela Carnaval) de mediados do século pasado…

O caso é que o Martes de Entroido do 2011 chegou traendo a primavera por adiantado. A xornada comezaba pola mañá con un percorrido polo barrio de Pitas e músicos anunciando a chegada do día grande. Ás 13 h. tivo lugar, un ano máis,  a Voda da Pita, coa participación de veciñas e veciños, á que seguiu o convite habitual, onde as distintas familias e grupos asistentes compartillaron un momento gastronómico e festivo.

Xa de tarde, houbo espazo para os disfrazes e o baile, até a despedida do Entroido coa queima do Meco, que tivo lugar nesta ocasión xa ben entrada a noite.

Achegamos a continuación algunhas fotos da xornada

Seguir lendo

Así foi o Domingo Fareleiro

Até a saraiba fixo a súa aparición na Praza das Eiroás ao longo da tarde. Choveu, escampou… e entre unhas cousas e outras houbo tempo para abrir a celebración da nosa Festa. Pola mañá colgamos o Meco, ao que lle emprestamos un paraugas en vista de que chovía e podía mollarse, ou coller un frío… ou calquera outra cousa. Eis algunhas fotos da xornada Seguir lendo