A Pita nas escolas

Nos prolegómenos do Entroido, tamén visitamos habitualmente distintos centros de ensino. Centramos a atención na escola amiga de cada ano que, neste 2023, foi o CEIP Mestre Vide, pero tamén asistimos a algún dos centros que nos convidan (sempre en menor número do que quixeramos, razón pola que vos pregamos paciencia).

Así, pois, o CEIP Mestre Vide recibiu a nosa visita para falar do Entroido e da Festa da Pita, amais de participar na decoración dunha parte das olas que escacharon na praza das Eiroás o pasado día 12. Dous días antes, unha representación das Pitas encargouse de recoller as olas no cole, amais de percorrer as aulas do centro. Velaquí algunha foto da xornada.

Por outra parte, tamén estivemos no CEIP Roberto Blanco Torres, da Peroxa, no CPI Antonio Faílde, de Cambeo e no IES Salvaterra de Miño, lugares todos eles nos que estivemos moi cómodos e aprendimos un pouco máis da nosa festa máis querida.

Por último, cómpre facer unha mención a algúns dos materiais que nos enviades cada ano sobre a máscara da Pita. Nesta ocasión queremos compartir a fantástica comadre que preparou Naila, e que nos fixo chegar a súa nai Laura Martínez Vázquez.