Imaxe da Festa da Pita 2023

A Festa da Pita fai 25 anos. E xa temos o cartel para esta edición “de prata”. Nesta ocasión, chega asinado polo ilustrador e profesor de deseño gráfico da EASD Antón Faílde, Cosme, quen nos propón un deseño sobre a parte superior da carauta da Pita realizado nas 3 cores que enchen cada parte da nosa máscara. Irrumpe así a Pita no espazo festivo representado polas cores curvilíneas espallando ledicia en forma de pequenas plumas de cores.

Moitas grazas, Cosme, pola túa colaboración. Aquí podedes ver os seus traballos.
E se queredes, podedes ver os carteis doutras edicións, mentres non subimos o programa da festa deste ano, que dará comezo o vindeiro domingo, día 5.

Praza virtual das Eiroás

O Martes sempre é o día grande nas Eiroás. E este ano, non só tivo lugar a voda, senón que tamén tiveron lugar outras intervencións e tamén recollemos outras iniciativas ao redor da festa que nos fixestes chegar. Xa pola mañá, unha Pita visitaba o CHUO para agradecer ás traballadoras e aos traballadores da Sanidade pública a súa adicación durante esta pandemia, amais de lembrarlles que estabamos no Entroido. Despois tiña lugar a voda en formato de multichamada e xa de tarde enteirámonos que as veciñas e os veciños da Rúa Lopez Ferreiro, moi activos nesta festa, ían queimar a sardiña e despedir o Entroido. Seguir lendo

Voda da Pita 2021

22 anos tiveron que pasar desde a primeira representación na praza das Eiroás, para que chegara esta edición dixital a lembrarnos que o Entroido sabe abrirse un oco e sortear as circunstancias máis adversas.

Pasaban uns minutos da 1 da tarde cando a nosa canle do youtube estreaba esta #VodaDaPita2021, co “concelleiro da Voda da Pita” en pantalla, medio despistado e contándonos que tiña que sumar esta nova concellaría ás outras 9 que xa ostentaba. Como representante do concello dorense, capital internacional da intelixencia artificial, adicouse a dar consellos smart e digital ao longo de toda a voda. Despois dun breve saúdo da monxa que asistiu a cerimonia no ano pasado, apareceu o crego, o youtuber AndorranusOMG, quen se apresurou a comezar a cerimonia pois aínda tiña que pendurar un par de partidas nas súas canles dixitais. Seguir lendo

Domingo Oleiro 2021

E segue adiante este Entroido dixital que, aínda que moi lonxe do acostumado, está deixándonos algún momento ben xeitoso. Neste Domingo Oleiro, quixemos compartir unha ola con vós através das redes, á parte de recoller diversas participacións atrevidas e curiosas. Amais dunha teatralización e das rodas familiares co xogo da ola, atopamos unha casa no Val do Regueiro na que instalaron o Meco ou unha rúa enteira, a López Ferreiro, cuxa veciñanza tan activa neste tempo de pandemia decorou para este tempo de Entroido. Seguir lendo

Domingo Fareleiro 2021

O 31 de xaneiro de 1999 botaba a andar a Festa da Pita. Sobre a base do Entroido, disque froito dunha cinzarrada, que se celebrara no barrio medio século atrás, decidimos comezar con unha proposta adaptada aos tempos, na procura de conformar un novo elemento identitario para o barrio, amais de ampliar a oferta cultural e lúdica. Casualidades da vida, 22 anos despois, atopámonos con este reto de non deixar de celebrar unha festa -que en si mesma é unha explosión dos sentidos- sen sentirnos perto. E facémolo no ano no que o programa marca as mesmas datas que aquela primeira edición. Seguir lendo

#FestaDaPita2021

Hoxe 31 de xaneiro, domingo de septuaxésima no calendario litúrxico e penúltima lúa chea do inverno, daría comezo nas Eiroás o noso particular ciclo do Entroido. Faríao coa celebración do Domingo Fareleiro, despois de que o Meco fora acompañado polas veciñas e veciños a ocupar o punto máis alto da praza.

Isto sería así de non ser polas circunstancias que xa todas e todos sabemos abondo e que non imos repetir aquí. A estas alturas xa temos (ou deberiamos ter) máis que claro cal é a situación, e canto de necesaria é agora unha actitude responsable que nos protexa e que coide de toda a comunidade, principalmente das persoas máis vulnerables… daquelas que coidaron de nós.

Contodo, non estamos dispostos a converter o Entroido nun laio continuo polo que non podemos facer. Ao contrario, queremos pescudar outras propostas que nos permitan vivir -dun xeito distinto, por este ano- a nosa festa máis querida.

Este ano imos ter a oportunidade de demostrar que levamos o Entroido por dentro. E tamén poderemos comprobar que somos quen facelo desde dentro das nosas casas ou nas nosas unidades familiares. Con disfraces, coplas, parrafeos, contos… ou simplesmente coa vosa presenza, sen dúbida de porte maxestoso e singular beleza. Desta vez, a rede e as plataformas dixitais serán o torreiro da festa e o espazo no que entroidar co resto da comunidade.

Queremos propoñervos que compartades os vosos videos de Entroido nos vosos perfís de redes sociais empregando o cancelo #FestaDaPita2021, ou -se preferides- enviedes o arquivo ao noso correo electrónico: festa.da.pita@gmail.com.

Recompilaremos todo o que fagades para compartilo no noso torreiro virtual, que será a nosa propia canle no youtube. As datas nas que subiremos os contidos que enviedes coincidirán cos días habituais do programa que habitualmente conforma a nosa festa (neste ano, o 31 de xaneiro, 7, 13 e 16 de febreiro).

A maiores, xa aproveitamos para convidarvos á Voda da Pita do 2021, que aínda non sabemos ben como será pero… dalgún xeito ha de ser. Como sempre, será o martes 16 á 1 do mediodía na praza (virtual, neste ano) das Eiroás.

Construide con nós o Entroido dixital do 2021.

Martes de Entroido 2020

A mañá do martes veu con certa timidez, deixando caír algo de auga por momentos e provocando que tiveramos que activar un plan B a última hora para poder levar a cabo a Voda da Pita sen problemas de seguridade derivados da sonorización do evento. Así as cousas, tivo que chegar o ano no que non demos cumprido a puntualidade eiroasense (que xa lle disputaba prestixio á puntualidade inglesa) no inicio da Voda da Pita ás 13 h.
A xornada comezaba despois das 11.30 h. con unha ruada de Pitas e músicos polo barrio, anunciando a chegada do día grande. Un cuarto de hora despois da 1 do mediodía daba comezo a representación teatral popular que, en ton satírico, rememora como foron as orixes da nosa festa, amais de lembrar, con moito agarimo e respecto ás 2 persoas que protagonizaran aquela cinzarrada na metade do século pasado. Desde que comezamos coa celebración actual da Festa da Pita, o Antonio e a Gumersinda levan casando 21 anos, dun xeito desenfadado e con moitos símbolos no argumento que procuran unha reconciliación co pasado, fechando as feridas existentes na procura dun futuro mellor para a comunidade. Seguir lendo

A fin de semana

Ao longo da fin de semana participamos en distintos actos, dentro e fóra do barrio. O venres ás 12 do mediodía, as Pitas formaban parte do Desfile do CEIP Virxe de Covadonga. Un pouco máis tarde, ás 20.30 h., percorrían a cidade vella de Ourense xunto ao Entroido de Seixalbo e ao Frei Canedo.

O sábado tiña lugar a despedida de solteiría da Gumersinda e do Antonio, através dun folión que percorre o barrio anunciando que xa queda pouco para o Martes de Entroido (xa máis coñecido entre nós como o luscofusco).

E o domingo, abríamos un ano máis o Desfile de Ourense. Velaquí un video do desfile escolar e algunhas fotos destes momentos, nomeadamente do domingo

Seguir lendo

Domingo Oleiro 2020

Moi boa tarde de olas, música e xogos nas Eiroás, que a choiva respectou até o fin da xornada. Eran ao redor das 5 da tarde cando as Pitas e os músicos facían a entrada na praza das Eiroás levando o carro coas olas pintadas o día anterior polas nenas e polos nenos das Eiroás amais dun obradoiro realizado no CEIP Virxe de Covadonga algúns días antes.

A Pita lucía unha nova fita vermella, chamando a atención sobre a necesidade de crer en proxectos comúns fundamentados no diálogo e non na confrontación.

Mentres as olas voaban pola praza, na procura dunha man amiga que as apañara antes de escacharen no chan, as mozas e mozos máis xoves xogaban con globos e mesmo probaban algunha ola, por ir afacéndose ao tacto. Xa con todas as olas escachadas, os anacos de barro cocido tiveron un novo uso, creando espazos de xogo sobre o chan da praza. Velaquí algunhas imaxes da xornada. Seguir lendo

Programa 2020

Chega o Entroido á cidade de Ourense. E faino, un ano máis, no barrio das Eiroás coa celebración do Domingo Fareleiro, que abre unha nova edición da Festa da Pita (que xa suma 22 edicións). Mañá día 9, dará comezo comezo a festa, contando coas benzóns e as licencias oportunas das autoridades do barrio e sabendo que este ano o Meco contará coas veciñas e veciños do barrio como asesores de imaxe. Será pouco antes do xantar, cando deamos saída á celebración do Entroido en todo o término municipal do concello de Ourense. Para alén da participación no desfile da cidade, o día 23, no desfile do CEIP Virxe de Covadonga, o día 21 ou doutras actividades promocionais e divulgativas, o programa deste ano nas Eiroás segue a tónica das edicións anteriores, consistindo no seguinte: Seguir lendo