Martes de Entroido 2020

A mañá do martes veu con certa timidez, deixando caír algo de auga por momentos e provocando que tiveramos que activar un plan B a última hora para poder levar a cabo a Voda da Pita sen problemas de seguridade derivados da sonorización do evento. Así as cousas, tivo que chegar o ano no que non demos cumprido a puntualidade eiroasense (que xa lle disputaba prestixio á puntualidade inglesa) no inicio da Voda da Pita ás 13 h.
A xornada comezaba despois das 11.30 h. con unha ruada de Pitas e músicos polo barrio, anunciando a chegada do día grande. Un cuarto de hora despois da 1 do mediodía daba comezo a representación teatral popular que, en ton satírico, rememora como foron as orixes da nosa festa, amais de lembrar, con moito agarimo e respecto ás 2 persoas que protagonizaran aquela cinzarrada na metade do século pasado. Desde que comezamos coa celebración actual da Festa da Pita, o Antonio e a Gumersinda levan casando 21 anos, dun xeito desenfadado e con moitos símbolos no argumento que procuran unha reconciliación co pasado, fechando as feridas existentes na procura dun futuro mellor para a comunidade. Seguir lendo

A fin de semana

Ao longo da fin de semana participamos en distintos actos, dentro e fóra do barrio. O venres ás 12 do mediodía, as Pitas formaban parte do Desfile do CEIP Virxe de Covadonga. Un pouco máis tarde, ás 20.30 h., percorrían a cidade vella de Ourense xunto ao Entroido de Seixalbo e ao Frei Canedo.

O sábado tiña lugar a despedida de solteiría da Gumersinda e do Antonio, através dun folión que percorre o barrio anunciando que xa queda pouco para o Martes de Entroido (xa máis coñecido entre nós como o luscofusco).

E o domingo, abríamos un ano máis o Desfile de Ourense. Velaquí un video do desfile escolar e algunhas fotos destes momentos, nomeadamente do domingo

Seguir lendo

Martes de Entroido 2019

A choiva deu unha tregua na mañá do martes para podermos celebrar a 20ª edición da Voda da Pita no seu espazo natural, co pazo das Eiroás como fondo de escenario. A xornada comezaba coa ruada de Pitas e músicos polo barrio, anunciando a chegada do día grande. Á 1 en punto do mediodía daba comezo a representación teatral popular que, en ton satírico, rememora como foron as orixes da nosa festa, amais de lembrar, con moito agarimo e respecto ás 2 persoas que protagonizaran aquela cinzarrada na metade do século pasado. Desde que comezamos coa celebración actual da Festa da Pita, o Antonio e a Gumersinda levan casando 20 anos, dun xeito desenfadado e con moitos símbolos no argumento que procuran unha reconciliación co pasado, fechando as feridas existentes na procura dun futuro mellor para a comunidade.

Seguir lendo

A fin de semana da Pita

Á espera do noso día grande, o calendario da Festa da Pita tamén fixa algunha actividade no fin de semana do Entroido. O sábado ten lugar unha particular “despedida de solteiría” da Gumersinda e do Antonio, que ten lugar através dun folión que percorre o barrio anunciando que xa queda pouco para o Martes de Entroido. Unha persoa próxima a Villarejo fíxonos chegar un par de imaxes da noite:

Seguir lendo

Domingo Oleiro 2019

Tarde de sol e olas a do pasado domingo nas Eiroás, que nos fai pensar -iso si- nun Entroido un chisco mollado, se atendemos ao refraneiro galego.

Eran ao redor das 5 da tarde cando as Pitas e os músicos facían a entrada na praza das Eiroás levando o carro coas olas pintadas o día anterior polas nenas e polos nenos das Eiroás amais dun obradoiro realizado na Ludoteca da Ponte algúns días antes.

Mentres as persoas máis xoves xogaban con globos e mesmo con cuncas de barro, as máis maiores ían dando conta das olas que voaban polo ceo das Eiroás procurando unha man amiga que as apañara antes de escachar. Velaquí algunhas imaxes da tarde. Seguir lendo

Martes de Entroido

Queriades auga? Pois velaí foi, para regar unha terra que xa nin lembra onde quedaron a metade dos nacentes das súas fontes. Disque “en martes e trece nin te cases nin te embarques“, pero nas Eiroás atrevímonos a casar e -a pouco máis- tivemos que embarcar coa cantidade inxente de auga que se acumulou na praza. Así a todo, alá vai unha nova edición da Voda e da festa. 20 anos botando foguetes que dan para moito, para bos momentos e para momentos aínda mellores.
Arrincaba a xornada sen poder facer o percorrido polo barrio, por causa da moita choiva que caía antes do mediodía. Soaban os teléfonos perguntando se ía haber Voda da Pita, e a resposta era sempre a mesma: “Nunca deixou de facerse”. Seguir lendo

Desfilando por Ourense

A xornada do Domingo de Entroido comezaba ameazando con choiva que, por momentos, se facía máis forte. Aínda así, as ganas e as intencións de todas as persoas participantes no Desfile de Ourense non ían permitir que unha pouca auga lles impedira realizar o xa habitual percurso desde As Lagoas até a Praza maior.
Minguadas polos virus, as Pitas tamén acudiron -un ano máis- a este desfile, co que suman xa 17 anos encabezando o desfile da capital do Entroido.
E, por certo, recado para quen corresponda: se a praza Maior se fai pequena, haberá que ir pensando noutra ubicación, ou? Que o concello de Ourense abrangue máis territorio do que as 8 rúas do centro da cidade. A dificultade de deixar as comparsas, do acceso á praza, mesmo das saídas… Cada ano faise máis difícil ter que convivir cos novos “atrancos” que se crean desde a Administración sen aportar solucións que cheguen ao mesmo tempo.
Velaquí algunhas imaxes do día: Seguir lendo