Tras case dous anos de espera, chega o Entroido a Ourense. Tiveron que pasar 719 días para que as rúas da nosa cidade voltaran acoller novamente a celebración da festa -probablemente- máis imbricada na nosa xenética cultural. Despois da experiencia do ano pasado, que nos obrigara a reinventarnos a través da rede, o barrio das Eiroás inaugura o Entroido e unha nova edición da Festa da Pita coa celebración do Domingo Fareleiro.
Así, o vindeiro domingo día 13 dará comezo comezo unha festa de transición, con algunhas limitacións con respecto ao que era habitual hai uns anos e voltará a selo apartir do ano que ven. A 24ª edición da Festa da Pita conta coas benzóns e as licencias oportunas das autoridades do barrio, que agardan pola chegada do Meco pouco antes do xantar do domingo, para dar saída á celebración do Entroido en todo o termo municipal. Alén da participación nos desfiles da cidade (o día 27) e do CEIP Virxe de Covadonga (o día 25) e doutras actividades promocionais e divulgativas, o programa deste ano nas Eiroás -que vai estar atento ao desenvolvemento da situación sanitaria e ás normativas emanadas das administracións correspondentes- é o seguinte:
13/02 DOMINGO FARELEIRO
Pola mañá: Recepción do Meco polas autoridades do barrio
Desde as 5 da tarde: Farelo na praza, con animación musical da Charanga SORCHA.
20/02 DOMINGO OLEIRO
Ás 5 da tarde, máis ou menos: Chegada das Olas á praza.
Xogo das Olas coa música da Charanga ALAMBIQUE.
01/03 MARTES de ENTROIDO
Pola mañá:
Pasa-rúas con máscaras e músicos
13 h.:
Voda da Pita
Xantar dos noivos (Apuntarse no Bar da Comisión antes do Domingo Oleiro) con animación musical da Charanga NOROESTE.
Pola tarde:
Baile de máscadas coa Orquestra Río Miño
Pasarela de disfraces
Apartir das 9 da noite:
Queima do Meco, coa Pirotecnia JOSMAN
O cartel da Festa da Pita 2022, obra de Rober, xa o coñecedes pola entrada anterior ou polo apartado de recursos deste web. Velaquí o cartel do Entroido de Ourense 2022:
Filed under: Uncategorized |
Deixar unha resposta