O broche da Pita

broche do traxeNo ombreiro esquerdo está o broche, peza de coiro co anagrama da asociación, do que saen unhas fitas grosas e máis longas, que son as que indican a antigüidade da Pita, engadíndolle unha fita ao traxe por cada ano que corra o Entroido; a cor desta fita ven marcada por algún feito salientábel do ano transcurrido.

Eis as cores das fitas do traxe:

2002 – BRANCA. Primeiro ano do traxe. A primeira fita, polo tanto, tambén foi branca, como a base de tódalas cores.

2003 – AZUL. O traxe enmárcase dentro da Cultura galega; dentro dunha das festas máis emblemáticas desta Cultura. O azul representa a Galiza, polo mar, a auga e a bandeira.

2004 – LARANXA. Cor da solidariedade. Neste ano quixemos lembrar o afundimento do Prestige (acaecido en novembro do 2002). Quixemos facelo lembrando aos milleiros de persoas que se solidarizaron con nós, achegándose até as nosas costas para axudar a limpar os restos do chapapote ao longo do ano 2003.

2005 – VERDE. A natureza que marca o calendario agrario e o ciclo festivo tradicional (onde está o Entroido) ven representada por esta cor. Ademáis, Galiza é verde e esta cor tambén tende lazos cara a cultura común que compartillamos co país veciño (Portugal).

2006 – VIOLETA. Este vai ser o ano que pase á Historia en España por mudar o conceito legal de matrimonio e poder efectuar vodas entre persoas do mesmo sexo. Ademáis, o traxe da Pita é un “traxe de voda”, en lembranza da cerimonia que deu orixe á festa á que representamos.

2007 – VERMELLA. A vaga de lumes no verán anterior foi o que marcou a cor deste ano. Ao longo do país e máis concretamente n’As Eiroás e en toda a zona norte da cidade de Ourense os incendios deixaron nas nosas memorias imaxes que agardamos non se volten a repetir.

2008 – MARRÓN CLARO. Este ano veu marcado por ser o ano no que se recoñeceu na Comunidade Internacional a mudanza climática que afecta ao noso planeta. O premio Nobel ao Grupo Interguvernamental sobre a mudanza climática, da ONU, e a Al Gore, membro do mesmo e que tambén recibiu o Príncipe de Asturias, a cimeira de Bali, e máis no terreo local a grande seca que sufrimos no noso país, que afectou enormemente ao sector primario e fixo tomar precaucións sobre o abastecemento de augas á Administración, fainos introducir no traxe este elemento que nos sensibiliza con este problema global.

Este ano tambén nos deixa unha nova circunstancia: é a primeira vez que 2 pitas teñen un fillo (Saudamos desde aquí a chegada ao mundo de Martiño, en Barcelona). Esta circunstancia fai que apartir de agora a fita de cada ano no que unha pita teña descendencia, verase adornada pola inicial (ou iniciais) do nome da crianza (ou crianzas) que veñan ao mundo.

Deixar un comentario